O DOG publica hoxe a resolución coas bases da convocatoria para 2018 e pola que se abre un prazo dun mes para que os interesados presenten as súas solicitudes
A Xunta de Galicia subvencionará con ata 10.800 euros a adquisición de vivenda por parte de menores de 35 anos en concellos de menos de 5.000 habitantes. Así consta na resolución que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia pola que se establecen as bases reguladoras da convocatoria e se abre o prazo de presentación de solicitudes desta axuda, incluída no Plan de Vivenda 2018-2021.
O obxectivo destas subvencións é contribuír ao asentamento de mozos nos concellos menos poboados, favorecendo a fixación de poboación nova nas áreas máis rurais de Galicia.
A resolución establece que o importe de cada axuda concedida será do 20 por cento do custo de adquisición da vivenda e sempre cun límite máximo de 10.800 euros por beneficiario. O prazo para a presentación de solicitudes comezará mañá e estará aberto durante un mes, sendo o último día para poder acollerse á convocatoria o 16 de novembro.
Está previsto que estas axudas se convoquen tamén para os anos 2019, 2020 e 2021 cun importe total de case tres millóns de euros: 200.000 euros correspondentes á convocatoria de 2018 e 2.750.000 euros a repartir entre os próximos tres anos.
Poderán acollerse á convocatoria de 2018 os propietarios de vivendas que, reunindo todos os requisitos esixidos na resolución, fosen adquiridas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2018. Neste sentido, os principais requisitos que teñen que cumprir os solicitantes destas axudas serán:• Ter menos de 35 anos de idade na data de presentación da solicitude.• Ter nacionalidade española ou residencia legal en España.• Dispoñer duns ingresos anuais por parte das persoas que compoñen a unidade de convivencia iguais ou inferiores a tres veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem). Excepcionalmente, os ingresos poderán chegar a 4 veces o Iprem no caso de familias numerosas de categoría xeral ou unidades de convivencia con discapacitados; e no caso de familias numerosas de categoría especial ou unidades de convivencia nos que algún membro sufra unha das discapacidades establecidas na resolución, o límite será de 5 veces o Iprem.
Polo que respecta ás vivendas, estas deberán cumprir as seguintes condicións:• Estar emprazada nun concello de menos de 5.000 habitantes.• Que se trate dunha vivenda xa construída. Para estes efectos, admitiranse tanto as vivendas novas como as usadas.• O prezo de adquisición da vivenda, incluídos os seus anexos, sen os gastos e tributos inherentes a ela, será igual ou inferior a 100.000 euros.
- Te recomendamos -