Inicio Galicia A Xunta subvencionará 80 proxectos de melloras no eido da acuicultura no...

A Xunta subvencionará 80 proxectos de melloras no eido da acuicultura no marco da convocatoria de axudas deste ano

0

A Consellería do Mar resolveu a concesión destas achegas por valor de preto de 9 millóns de euros que supoñen un investimento total de máis de 27,6 millóns de euros


A Consellería do Mar vén de aprobar axudas para 80 proxectos de melloras no eido da acuicultura por un valor de preto de 9 millóns de euros. Estas achegas, que se enmarcan na convocatoria de 2018 e que están cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), permitirán mobilizar un investimento global de máis de máis de 27,6 millóns de euros.

Así o sinalou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, no marco dunha visita a unha batea da ría de Arousa pertencente á empresa Barlovento, dedicada principalmente ao cultivo e transformación do mexillón. Alí a conselleira estivo acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, e explicou que todas as solicitudes que cumpriron os requisitos obtiveron axuda.

Ademais subliñou que, do mesmo xeito que en anos anteriores, a maioría dos proxectos aos que lle foi aprobada axuda, é dicir, máis do 76%, pertencen ao sector do mexillón. Un sector, subliñou Rosa Quintana, que supón máis do 95% da produción total da acuicultura de Galicia, o que reflicte o potencial que ten a mitilicultura na nosa terra, expuxo.

Neste sentido, lembrou que Galicia pechou o 2017 cos mellores datos de descargas e de facturación de mexillón da última década, con 267.000 toneladas desembarcadas en lonxa por valor de arredor de 122 millóns de euros. Estas cifras supoñen un aumento dun 11% tanto en cantidade descargada como en valor económico con respecto ás do ano 2016.

En relación á empresa Barlovento, a conselleira destacou a súa aposta pola calidade, o que se reflicte no produto, e tamén pola innovación, que se ve representada nos medios e nos procesos. Neste sentido, puxo como exemplo a batea obxecto da visita que foi beneficiaria das axudas a investimentos no eido da acuicultura no marco da convocatoria de 2017.

A batea de Barlovento visitada hoxe está no polígono O Grove C e está construída con formex mixto, un material máis resistente á corrosión química e axeitado para soportar condicións climatolóxicas extremas. É propiedade de Barlovento, empresa que cultiva mexillón nas 17 bateas que posúe repartidas entre a ría de Arousa e Pontevedra. Ademais Barlovento posúe unha nave localizada en Porto Meloxo, no concello do Grove.


- Te recomendamos -