O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou hoxe o programa integrado de emprego Emprega-te II, impulsado por Compostela Monumental, no que están a participar 85 mulleres, das cales o 70% se atopan xa traballando
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, destacou hoxe en Santiago a importancia de achegar asesoramento especializado para que as persoas desempregadas poidan incrementar as súas oportunidades laborais.
Marnotes visitou o Programa Integrado de Emprego Emprega- te II, impulsado pola asociación Compostela Monumental, no que están a participar 85 mulleres, das cales o 70% se atopan xa traballando. O programa, que comezou a desenvolverse no mes de decembro, continuará ata novembro deste ano, e inclúe diferentes actuacións de formación transversal e específica, ademais de obradoiros para fomentar a capacidade emprendedora, como o que hoxe se desenvolveu.
Ao abeiro da nova convocatoria para a posta en marcha de programas integrados de emprego, en fase de avaliación das solicitudes, prevese poñer en marcha a partir de setembro arredor de 40 programas promovidos por concellos e por entidades sen ánimo de lucro nos que se prevé que participen 4300 persoas desempregadas co obxectivo de que poidan incrementar as súas oportunidades laborais a través de actuacións encamiñadas á especialización e ao desenvolvemento de medidas que combinen orientación e asesoramento con formación e prácticas.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria reforza este ano esta iniciativa aumentando nun 15% o orzamento, polo que investirá un total de 10,9 millóns de euros entre 2018 e 2019 para aumentar o apoio que cada entidade percibe. Así, os beneficiarios destas axudas recibirán 2500 euros por cada persoa participante no programa, o que supón un 4% máis con respecto a edicións anteriores.
Coa iniciativa priorizarase por primeira vez aos Concellos Emprendedores, os que forman parte do convenio que a Xunta asinou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para impulsar en Galicia o desenvolvemento de novos proxectos industriais.
Así mesmo, e ao igual que na pasada edición, resérvase orzamento para o desenvolvemento de plans específicos para as mulleres. En concreto, destínanse dous millóns de euros a esta actuación, un 18,3% do total, para seguir desenvolvendo unha das medidas do plan Emprega en feminino, a folla de ruta do Goberno galego para impulsar a inserción das mulleres no mercado de traballo.
Nesta convocatoria tamén se continuará primando a aqueles proxectos nos que se implique o tecido empresarial de cada zona, co obxectivo de que os programas se centren nas demandas laborais de cada comarca, e a aqueles plans de xestión compartida para incentivar os procesos de fusión municipal.
Os programas integrados de emprego, que teñen un ano de duración, están enfocados a mellorar a ocupación dos desempregados establecendo como obxectivo a inserción laboral dun mínimo do 35% dos seus participantes, é dicir, máis de 1500. Cada plan integrado inclúe accións personalizadas de diversa natureza -como información, orientación, asesoramento e formación- combinadas con prácticas laborais. A actuación forma parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o traballo estable e de calidade.
- Te recomendamos -