Os conselleiros Román Rodríguez e Ángeles Vázquez visitaron o IES Pontepedriña, que foi galardoado co premio FAO, de Nacións Unidas, por un proxecto sobre os lumes
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e maila conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitaron hoxe o IES Pontepedriña, que vén de obter o premio FAO (organización de Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura) por un proxecto educativo sobre os lumes forestais que leva por título “After the fire”-Despois do Lume.
Os rapaces deste instituto compostelán alzáronse con este galardón -na categoría de 12 a 18 anos- entre os máis de 100 grupos de todo o mundo que participaron neste concurso co que Nacións Unidas conmemora cada ano o Día Mundial do Solo.
Román Rodríguez e Ángeles Vázquez puideron coñecer in situ o proxecto que resultou gañador, que xira en torno a un elemento central que é o mural que está exposto ao público, xunto con paneis explicativos e un vídeo sobre o proceso de elaboración do mesmo, e que se irá completando con conferencias e visitas ás zonas queimadas.
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, destacou o afán de “divulgación e concienciación ambiental desde as aulas” que supón este proxecto que, ademais, afianza o IES de Pontepedriña como “un referente de boas prácticas educativas”. Román Rodríguez amosou os seus parabéns aos rapaces así como a todos os docentes implicados nesta iniciativa multidisciplinar que integrou os departamentos de Bioloxía, Xeoloxía, Tecnoloxía, Física, Música, Inglés e Galego.
Paisaxe e sustentabilidadeAsí mesmo, o titular de Educación subliñou que a sensibilización e respecto polos recursos naturais “debe comezar pola base do sistema educativo” e, neste senso, lembrou que desde o departamento que dirixe estanse incentivando a aprendizaxe en materia de educación e formación ambiental a través de iniciativas como a materia de libre lección “Paisaxe e Sustentabilidade”, e de diversos programas ao abeiro do Plan Proxecta en colaboración con outras consellerías, como a do Medio Rural.
Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, felicitou os alumnos deste IES de Pontepedriña por gañar este concurso e por demostrar, así, “unha gran sensibilidade con respecto ao problema dos lumes forestais e un elevado nivel de conciencia ambiental”.
A conselleira lembrou o labor de sensibilización que desenvolve o seu departamento fronte a este problema, con charlas nos centros educativos e iniciativas como a campaña “Son Cortalumes”, que fomenta a suma de esforzos de toda a sociedade nesta causa.
Ademais, en relación co premio e a súa vinculación co día mundial do solo, Ángeles Vázquez destacou o esforzo da Xunta en materia de recuperación de chans afectados polos incendios, con técnicas pioneiras como a cobertura de palla de forma manual ou usando helicópteros. Por último, animou a todos a illar os incendiarios e frear a súa actividade delituosa.
Un mural sobre o relato dos lumes“After the fire” é un proxecto de divulgación e concienciación ambiental sobre o impacto dos incendios forestais na erosión do solo e, en xeral, sobre os danos causados polos lumes. A iniciativa xestouse desde o departamento de Bioloxía e Xeoloxía do IES no que o seu coordinador, Nicolás Lucas, e os alumnos de 3º e 4º de ESO do centro, apoiados por outros departamentos, comezaron a traballar en actividades informativas e de investigación, do que saíu unha obra pictórica que expresa o relato sobre a destrución de vexetación e dos solos, e os labores posteriores de mitigación do impacto dos lumes.
O traballo distribuíuse en tres equipos de xeito que un deles –co apoio do departamento de Plástica do instituto- centrouse na preparación dos pigmentos de orixe edáfico e vexetal para o deseño do mural; un segundo –xunto co departamento de Tecnoloxía- ocupouse do rexistro de imaxes de todo o proceso para a preparación do video; e un terceiro equipo encargouse da preparación da música de fondo co apoio dos departamentos de Música, Galego e Inglés.
Todo o proceso creativo contou tamén co asesoramento do grupo de xenética e ecoloxía forestal da Misión Biolóxica de Galicia –CSIC-, e do grupo de voluntariado do Concello de Pontecaldelas.
- Te recomendamos -