As persoas interesadas poderán formular observacións ao trazado nos próximos trinta días hábiles, contados a partir de mañá
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto de construción dunha senda na estrada LU-621, entre A Pobra de San Xiao e Urbanización de Valdriz.
Tal como recolle o DOG, o mencionado proxecto de construción sométese ao trámite de información pública durante un período de trinta días hábiles, contados a partir de mañá, para que se poidan formular observacións relativas á concepción do trazado deseñado. Máis información, a través deste enlace: https://goo.gl/a8HSj8A senda terá unha lonxitude de 500 metros e completará a conexión peonil dende a localidade da Pobra de San Xiao coa ponte de Valdriz.
O itinerario arrancará do punto no que rematan as beirarrúas da Pobra de San Xiao, terá 2 metros de anchura e estará construído con formigón ata o encontro coa ponte. Para darlle continuidade, construirase unha pasarela sobre o río ampliando a plataforma da ponte con lousa de formigón.
As obras tamén incidirán na mellora da seguridade viaria, dado que ao final do treito se atopa a intersección que leva á urbanización Playas de Valdriz, que se remodelará mediante a implantación dunha nova glorieta para resolver a problemática dos movementos de cruce e xiros á esquerda.
- Te recomendamos -