O DOG publica hoxe o inicio deste procedemento a través do que se poderán formular observacións ao trazado nos vindeiros trinta días hábiles
Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2018.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto da senda peonil na estrada PO-225, no treito entre Alba e San Caetano, no Concello de Pontevedra.
O proxecto de construción sométese ao trámite de información pública durante trinta días hábiles, contados a partir de mañá, para que as persoas que o consideren oportuno poidan formular observacións á concepción global do trazado deseñado. Pódese ampliar a información deste procedemento no DOG.
O proxecto centrarase na construción dunha senda duns 580 metros no treito que conecta os núcleos de Alba e San Caetano, desde o punto quilométrico 0+330 ao 0+910.
Trátase dun itinerario cun ancho variable, en función do espazo dispoñible, e sempre con 1,8 metros de ancho mínimo, separada da calzada naqueles treitos onde existe espazo suficiente, por unha franxa axardinada e o correspondente bordo delimitador.
No núcleo de San Caetano tamén se prevé na marxe dereita da estrada o acondicionamento da fronte da capela e un pequeno tramo de senda.
Toda a actuación realízase para fomentar a mobilidade urbana multimodal, en detrimento do vehículo motorizado, polo que se contemplan ademais das obras de pavimentación, a execución do sistema de drenaxe de augas pluviais, a reposición de aqueles servizos afectados pola execución das obras.
Esta actuación do Goberno galego está incluída no Plan de Sendas na comarca de Pontevedra, cofinanciadas con Fondos FEDER 2014/2020.
O itinerario é complementario á variante de Alba, pois incidirá na mellora da seguridade de veciños e peregrinos, posto que se corresponde cun treito do Camiño portugués.
- Te recomendamos -