Inicio Galicia A Xunta solicita ao Goberno central que tome a iniciativa en Alcoa...

A Xunta solicita ao Goberno central que tome a iniciativa en Alcoa para buscar solucións a través do diálogo

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, que compareceu esta mañá no Parlamento galego a petición propia, asegurou que a Xunta seguirá apoiando ao Estado na defensa dos postos de traballo


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia, a petición propia, para abordar o anuncio de Alcoa de pechar as plantas tanto da Coruña como de Avilés e solicitar ao Goberno central que tome a iniciativa para buscar solucións a través do diálogo. Neste sentido, asegurou que a Xunta seguirá apoiando ao Estado na defensa dos postos de traballo.

Conde pediu, tamén, a unanimidade da Cámara para que apoie á Xunta na alianza co Goberno asturiano e cos traballadores co obxectivo de manter os empregos que están en xogo e a actividade industrial.“Co compromiso unánime de todos é máis factible unha solución: é o que esperan de nós os traballadores e traballadoras de Alcoa que agardan respostas”, asegurou e puxo en valor a aprobación por unanimidade, onte no Parlamento galego, dunha proposición non de lei sobre este asunto: “Agora temos que ser todos responsables e cumprir cos acordos alcanzados nesta proposta”.

Conde, que cualificou o anuncio “dunha moi mala noticia para Galicia e para o conxunto de España”, insistiu na importancia de dar unha resposta urxente e coordinada desde todas as partes implicadas e na necesidade de recabar esforzos.

Neste sentido, lembrou as reunións mantidas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tanto co comité de empresa da Coruña como co seu homólogo asturiano, así como a xuntanza mantida onte en Madrid e na que o conselleiro se reuniu con representantes do Goberno central e asturiano, coa empresa e cos traballadores, lamentando a falta de corresponsabilidade das dúas partes que poden achegar solucións a esta situación: o Estado e Alcoa.“A decisión de Alcoa e a indecisión do Goberno poden ser a antesala dunha crise do sector industrial en España e Galicia”, apuntou e incidiu en que que o levantamento, por parte da empresa, do expediente de regulación de emprego, e a concreción, por parte do Goberno español, no establecemento dun sistema que aporte certeza son as únicas vías para atopar unha solución.

Necesidade de respostasConde advertiu de que están faltando respostas por parte do Goberno central -o único con competencias na materia- a unha situación que a industria electrointensiva, e en concreto Alcoa, viña arrastrando desde hai meses.

Tal e como explicou Conde, a Xunta, en diferentes reunións entre os Gobernos central e autonómico, xa lle tiña trasladado a necesidade de abordar o tema da interrompebilidade e a súa preocupación por unha situación que non é nova pero para a que o anterior Goberno sempre se atopou disposto a achegar solucións, como un sistema de poxas, que aínda non foi convocado polo Goberno de Pedro Sánchez para 2019, e unha partida de 150M€ nos Presupostos Xerais do Estado para 2018 destinados a complementar os ingresos por interrompebilidade.

O conselleiro dixo que non se está a traballar o suficiente para poñer en funcionamento o sistema de compensación á industria electrointensiva nin para garantir ás empresas un prezo da electricidade estable e competitivo.

Afirmou que o Goberno ten nas súas mans as medidas que poden poñer freo aos plans da empresa e instouno a que elabore un marco eléctrico estable, que dea certezas e non conduza á desconexión da industria do país: “O Goberno debe dar un paso adiante e achegar respostas como clarificar o sistema de interrompebilidade e executar os fondos previstos”.

Ao lado dos traballadoresA pesar do resultado do encontro de onte, Conde insistiu en que a axenda da Xunta segue aberta a próximos contactos que permitan atopar unha saída a esta situación.

O conselleiro finalizou lembrando que a principal prioridade son os centos de familias que están ameazadas polo ERE que vén de presentar Alcoa e que todos os esforzos que se están a realizar teñen un único obxectivo: salvagardar os seus postos de traballo e abrir as máximas canles de diálogo para conseguir que a empresa reverta a súa decisión. Así, explicou que se está actuando desde o plano institucional en diálogo aberto co Goberno, en alianza con Asturias e cos traballadores: “As súas reivindicacións, son hoxe as nosas reivindicacións”, subliñou Conde. 


- Te recomendamos -