Inicio Galicia A Xunta solicita ao concello da Coruña licenza de obra para converter...

A Xunta solicita ao concello da Coruña licenza de obra para converter a antiga Delegación de Sanidade no Espazo Amizar

0

O orzamento base de licitación ascende a 6,6 millóns de euros

A Xunta de Galicia vén de solicitar ao Concello da Coruña a licenza de obra para a rehabilitación integral da antiga delegación da Consellería de Sanidade, situada na rúa Gregorio Hernández, que se converterá no novo Espazo Público Amizar.

Tal como consta no orzamento base de licitación, a Xunta de Galicia prevé realizar un investimento de 6,59 millóns de euros, que inclúe a rehabilitación integral dos dous inmobles –o edificio ‘prisma’ e o edificio ‘óvalo’– que compoñen a antiga delegación. O primeiro inmoble conta con cinco alturas e planta rectangular, mentres que o segundo dispón de catro alturas e forma ovalada, e está situado no interior da parcela.

A Xunta xa adxudicara no mes de abril a redacción do proxecto de rehabilitación integral do complexo, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, que agora vén de remitir ao Concello de A Coruña o proxecto básico de rehabilitación para solicitar a licenza de obra.

O novo Espazo Público Amizar vai poñer a disposición da veciñanza uns 5.500 metros cadrados de espazos públicos para ofrecer mellores servizos e xerar novas oportunidades. Ademais, permitirá aproveitar os recursos cos que xa conta a Administración –o inmoble está actualmente en desuso- para crear un novo espazo público.

O Espazo Amizar contará cunha área para apoiar á cidadanía a través das dependencias de xuventude, menores ou inclusión; disporá tamén de dependencias dedicadas á formación e o emprego; dun espazo para traballar pola cidade nas dependencias administrativas; e dun amplo espazo para as asociacións socio-sanitarias desta cidade.

Creación dunha nova prazaAdemais da rehabilitación dos edificios, o proxecto contempla a urbanización exterior da parcela, coa disposición de dúas pequenas áreas de aparcamento, e a creación dunha praza que abre o equipamento á cidade, mediante unha solución permeable dos accesos.

Este proxecto permitirá poñer en valor o patrimonio propiedade da Comunidade Autónoma  -en liña co Plan Patrimonial da Xunta de Galicia- aproveitando os edificios singulares de carácter singular coma a antiga delegación, modernizando os inmobles e poñéndoos de novo ao servizo da cidadanía.


- Te recomendamos -