Vázquez Mourelle trasládalle a preocupación da Xunta pola evolución da sinistralidade nas estradas no que vai de ano e a necesidade de avaliar a situación para adoptar as medidas necesarias para mellorar a seguridade viaria
A Xunta vén de solicitarlle á Delegación do Goberno en Galicia a convocatoria da Comisión Autonómica de Tráfico e Seguridade da Circulación Viaria.
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, remitiulle hoxe unha misiva ao delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, na que lle demanda a celebración dunha xuntanza da citada comisión para analizar a evolución da sinistralidade nas estradas galegas e adoptar as medidas necesarias.
Vázquez Mourelle trasládalle ao delegado a preocupación da Xunta pola evolución da accidentalidade na rede viaria no que vai de ano, polo que cómpre avaliar a situación para traballar de cara á mellora da seguridade.
Para o Goberno galego a seguridade viaria é unha materia estratéxica e prioritaria porque non hai nada máis importante que a vida e a integridade das persoas. Neste sentido, a Xunta ten unha folla de ruta trazada, que se materializa no Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, un conxunto de medidas para reducir ao máximo o número de accidentes de tráfico que se rexistran nas estradas galegas e minimizar as súas consecuencias.
Desde a posta en marcha deste plan téñense redobrado os esforzos destinados á seguridade viaria, tanto no que ten que ver con actuacións concretas, como no respaldo orzamentario, incrementando este ano un 48% as partidas específicas neste eido.
Neste marco, o Goberno galego continúa mellorando a rede viaria co Plan de reforzos de firme, cunha partida de 20 M€ para este ano, cinco máis que no anterior; ou co Plan de Sendas, que contempla 130 KM de itinerarios peonís e ciclistas. Tamén segue o impulso da Estratexia para a eliminación dos treitos de concentración de accidentes nas vías autonómicas, con 98 actuacións que suporán un investimento de máis de 12 M€.
O Executivo autonómico tamén aposta pola concienciación, polo que ten en marcha campañas como “Metro e Medio”, que incide na distancia lateral mínima de seguridade que se debe deixar sempre ao adiantar a un ciclista. Esta mensaxe súmase á necesidade de que os ciclistas se fagan visibles aos demais condutores cando transiten pola estrada, obxectivo no que a Xunta traballa da man da Federación Galega de Ciclismo, coa distribución de cortaventos reflectantes.
Neste eido da concienciación, o Goberno galego tamén segue a impartir cursos de condución segura de motos e a levar aos colexios a campaña “O corazón está do teu lado” para amosar aos máis cativos a importancia da seguridade viaria.
- Te recomendamos -