Inicio Galicia A Xunta sinala en Porto que a formación para o emprego é...

A Xunta sinala en Porto que a formación para o emprego é clave para incrementar as oportunidades laborais

0

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Porto no 20º Congreso Internacional de Formación para o Traballo Norte de Portugal-Galicia

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Porto no 20º Congreso Internacional de Formación para o Traballo Norte de Portugal-Galicia, onde destacou que a formación para o emprego é clave para incrementar as oportunidades laborais e dar, polo tanto, un pulo á economía.

Sinalou, ademais, a importancia da colaboración institucional neste eido lembrando o traballo conxunto que desenvolven neste campo Galicia e o Norte de Portugal. Marnotes indicou que para que calquera rexión poda ter un futuro os traballadores necesitan estar formados, un proceso que ten que ser continuo. “É o principal capital no que temos que traballar, a formación, para que se abran novas oportunidades”, engadiu.

O director xeral, ademais, puxo en valor a aposta da Xunta por atender os perfís profesionais que están demandando as empresas con iniciativas como os obradoiros, os programas integrados ou as Unidades Formativas nas Empresas. Sobre este último plan, a Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará 5,4 millóns de euros para que 83 empresas impartan formación á carta a 3200 desempregados e ocupados. Ademais, nos próximos días publicarase a segunda convocatoria de axudas deste programa.

Marnotes indicou a necesidade da capacitación nas novas tecnoloxías para cubrir os postos laborais que actualmente demanda o mercado de traballo. Segundo subliñou, Galicia ten que estar preparada para operar en contornos cada vez máis tecnolóxicos polo que, canto maior sexa a formación neste eido, maiores serán as oportunidades para atopar un emprego. “Temos que ser conscientes da necesidade de actualizar a formación para o emprego anticipando novas tendencias nos sectores estratéxicos”, subliñou.

Para rematar, sinalou que adecuar os perfís profesionais ás necesidades reais das empresas impulsa o emprego estable e de calidade, o obxectivo principal do Goberno galego en materia laboral. Coa Axenda 20, a Administración autonómica está impulsando a mellora do mercado de traballo contribuíndo con esta planificación a reducir as cifras do desemprego en Galicia.


- Te recomendamos -