A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Lugo nunha xornada organizada polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) sobre innovación en prevención de riscos laborais centrada nos drons e a súa aplicación práctica en materia de seguridade e saúde laboral
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, destacou hoxe a importancia de identificar os novos riscos laborais derivados da transformación tecnolóxica e a Industria 4.0 na xornada que organizou en Lugo a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), sobre innovación en prevención de riscos laborais, unha iniciativa que estivo centrada nos drons e a súa aplicación práctica en materia de seguridade e saúde laboral.
O obxectivo da actuación foi poñer de manifesto a importancia de establecer medidas de seguridade e saúde laboral en entornas tecnolóxicas e definir posibles usos e beneficios que os avións non tripulados achegan á prevención de riscos laborais. Deste xeito, na xornada abordáronse diferentes aspectos como a descrición e clasificación dos drons, a actual normativa aplicable e a identificación de sectores, operacións, actividades e empresas onde os drons son utilizados para incrementar a seguridade e saúde dos traballadores. Na charla participaron preto de 60 técnicos de prevención de riscos laborais, empresarios e traballadores en xeral interesados nesta materia.
A iniciativa forma parte da oferta formativa que este ano organiza o ISSGA a través do seu Plan de Actividades 2018, unha folla de ruta que inclúe un total de 74 actuacións divididas en 7 eixos e cunha oferta formativa, que se impartirá en prevención de riscos laborais, coa que se prevé chegar a 1200 persoas.
Este Plan está enmarcado na Estratexia galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020, que entre os seus retos principais busca mellorar a eficiencia na coordinación entre as administracións en materia de prevención de riscos laborais; impulsar a implicación dos interlocutores sociais; facilitar a xestión preventiva e reforzar a vixilancia e o control; potenciar a análise e investigación dos accidentes; fomentar programas en sectores de alta sinistralidade; e acadar unha formación de calidade para consolidar a cultura preventiva na sociedade galega.
Toca destacou que o Plan de Actividades do ISSGA para este ano é unha iniciativa consensuada cos interlocutores sociais e salientou sobre a oferta formativa que inclúe importantes novidades para dar resposta a cambios normativos e técnicos para clarificar e facilitar o cumprimento e adaptación ás novas obrigas en prevención de riscos laborais. Deste xeito, levaranse a cabo 50 xornadas técnicas, como a celebrada hoxe en Lugo, centradas en temas novidosos como a volta ao traballo tras unha baixa de longa duración por accidente ou enfermidade ou a utilización de drons na supervisión das medidas de seguridade nas grandes obras de infraestrutura pública.
Así mesmo, está a desenvolverse formación dirixida a 1200 persoas: 12 cursos presenciais para 600 desempregados e ocupados, que se complementan con 5 accións en liña para 450 persoas e un curso dirixido a 150 autónomos. Ademais, e, tal e como apuntou Toca, reeditarase a colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para incluír a saúde laboral en 54 centros de formación de Primaria, Secundaria e de Formación Profesional. Ademais, continuarase impulsando o labor da Escola Galega de Prevención. Toda a oferta formativa estase a realizar nas 4 provincias galegas.
Por último, a responsable de Emprego apelou á coordinación e colaboración entre as administracións e axentes sociais para mellorar as condicións laborais dos traballadores, lembrando que para a Xunta a loita contra a sinistralidade laboral é unha prioridade.
- Te recomendamos -