Inicio Galicia A Xunta salienta o potencial dos ríos e lagos para impulsar o...

A Xunta salienta o potencial dos ríos e lagos para impulsar o desenvolvemento turístico do interior de Galicia

0

A construción de infraestruturas para facilitar a súa navegabilidade, as melloras nos accesos aos recursos fluviais ou o fomento de prácticas deportivas nestas contornas son algunhas accións impulsadas pola Consellería de Cultura e Turismo

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou hoxe o potencial dos ríos e lagos á hora de impulsar o desenvolvemento turístico do interior da Comunidade. Un asunto, indicou, no que a Consellería de Cultura e Turismo está a traballar en varias direccións que inclúen, entre outras, o fomento de prácticas deportivas nestas contornas, as melloras dos accesos aos recursos fluviais nas catro provincias ou a construción de infraestruturas para mellorar a súa navegabilidade.

Así o manifestou durante a súa participación no ciclo cultural Ibernáutica 2018, que se celebrou na localidade coruñesa de Cerceda e contou coa participación de numerosos profesionais que debateron ao redor dos diferentes usos das augas interiores da Comunidade coa recuperación dos espazos naturais e o seu papel sustentable.

A representante da Consellería de Cultura e Turismo recordou as ferramentas para impulsar estas accións como son os convenios e liñas de axudas dirixidas aos concellos, entidades locais e xeodestinos que se asinan anualmente. Grazas a eles foi posible, entre outras iniciativas, a posta en marcha o primeiro embarcadoiro inclusivo do Espazo Natural do Miño, en Tomiño; a posta en valor da contorno do encoro das Conchas, na provincia de Ourense, para facilitar as actividades de baño e deportes acuáticos ao pé do río Salas, ou poñer en valor a Ruta da Lamprea coa recuperación das tradicionais pesqueiras.

Diversificación da ofertaEste segmento turístico é tido moi en conta na Estratexia do Turismo de Galicia 2020, a folla de ruta da Consellería que comprende accións específicas ao seu redor que inclúe poñer énfase no aproveitamento da navegabilidade dos ríos Miño, Sil, Ulla e Tambre así como nos encoros da Comunidade, nos que poder realizar algunha práctica deportiva en función das súas características e onde impulsar a mellora das infraestruturas, entre outras.

Como explicou Nava Castro, no compromiso da Xunta por diversificar a oferta por todo o territorio, Cultura e Turismo promove, ademais, diferentes produtos que enriquecen o interior como os Trens Turísticos de Galicia, a Ruta da Camelia ou a da Lamprea, as xornadas de portas abertas nas Rutas do Viño ou Escenarios ao Volante, entre outras. Tamén traballa no termalismo e enoturismo, segmentos que permiten captar viaxeiros fóra de tempada alta, poñer en valor os recursos propios e dinamizar os territorios de interior.  


- Te recomendamos -