A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou hoxe en Santiago as instalacións da Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (Acem), onde coñeceu as actividades que desenvolve a entidade
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou hoxe en Santiago as instalacións da Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (Acem), onde mantivo unha xuntanza cos responsables da entidade e coñeceu a actividade que desenvolve en apoio ás persoas con capacidades diferentes. Neste senso, Toca destacou a importancia da formación como clave para acadar un emprego inclusivo sinalando, ao respecto, a necesidade de seguir impulsando nas empresas o emprego entre os colectivos con máis dificultades para atopar un posto de traballo.
O Orzamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria para o próximo ano segue centrándose nestes colectivos entre os que se atopan as persoas con discapacidade. Toca incidiu en que o emprego é unha ferramenta esencial para avanzar no camiño da inclusión e lembrou que a Xunta destina este ano un total de 14,6 millóns de euros a programas específicos para o emprego das persoas con discapacidade.
O Goberno galego, ademais, reforzou este ano o programa de apoio para a formación e contratación de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social nas empresas galegas destinando en global un millón de euros. A iniciativa incluíu dúas liñas de actuación: axudas para o emprego con apoio e para a formación e contratación a tempo parcial, dando resposta a unha demanda deste colectivo.
O programa de incentivos á contratación a tempo parcial conta este ano coa posibilidade de acceder a un bono de formación opcional para as compañías de 1000 euros por cada persoa contratada. A Consellería de Economía, Emprego e Industria financia con 2000 euros cada contrato sempre e cando a duración mínima sexa de 6 meses. Esta cantidade aumenta un 25% se a persoa contratada é muller, maior de 45 anos ou emigrante retornado e no caso de que o centro de traballo estea emprazado no rural. Polo tanto, a axuda pode alcanzar os 4000 euros.
Esta iniciativa complementa ao programa da Xunta destinado á contratación a tempo completo das persoas con discapacidade nas empresas galegas que conta cun orzamento de máis de 1,2 millóns de euros.
A Xunta con estas actuacións consolida a súa aposta polo emprego inclusivo no que traballa cun reto principal: mellorar as condicións de empregabilidade dos galegos e galegas, dando resposta ás persoas que teñen máis dificultades para atopar un emprego.
- Te recomendamos -