Nava Castro pechou hoxe a Asemblea Xeral Extraordinaria do Clúster Turismo de Galicia celebrada en Santiago de Compostela
A colaboración público-privada entre o sector turístico galego e a Consellería de Cultura e Turismo é unha das claves dos logros colectivos que o turismo vén acadando en Galicia nos últimos anos. Así o manifestou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, no transcurso da Asemblea Xeral Extraordinaria do Clúster Turismo de Galicia celebrada hoxe en Santiago de Compostela.
Como recordou, froito deste traballo colectivo botou a andar a Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta do turismo galego elaborada de xeito coordinado xunto co sector e que está a guiar a xestión turística en Galicia para consolidarse como un destino de calidade e responsable.
Este documento está a dar os seus froitos, como así o demostra o feito de que o sector estea agora máis fortalecido, acumulando catro anos consecutivos de mellora da súa rendibilidade, mantendo as cifras de viaxeiros en cotas elevadas e mesmo logrando ampliar a estadía media en Galicia.
Impulsar a excelenciaDurante o acto, Nava Castro tamén puxo de manifesto o obxectivo compartido entre a Consellería de Cultura e Turismo e o sector por impulsar a excelencia nos servizos turísticos e indicou a importancia outorgada a eidos como o da formación. “Un sector unido e profesionalizado axúdanos a que o noso destino sexa cada vez máis valorado e que a nosa evolución turística sexa ordenada e planificada”, indicou.
A directora destacou, ademais, o compromiso do Executivo autonómico por garantir un sector competitivo que responda ás necesidades do mercado. Neste sentido referiuse ao liderado de Galicia ámbitos como a Q de Calidade Turística e reiterou a vontade da Xunta por continuar traballando a prol de consolidarse como destino cunha oferta diferenciada e desestacionalizada.
- Te recomendamos -