Inicio Galicia A Xunta reúnese cos clústers empresariais para definir as actuacións do Programa...

A Xunta reúnese cos clústers empresariais para definir as actuacións do Programa de deseño para a innovación 2020

0

Este encontro forma parte dunha serie de reunións de traballo cos distintos axentes que conforman o ecosistema galego do deseño para recoller as súas necesidades e suxestións e implicalos dende o comezo no desenvolvemento deste programa estratéxico


A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, reuniuse esta mañá con representantes de catorce clústers empresariais galegos no marco dunha rolda de reunións de traballo cos axentes do ecosistema de deseño para identificar as súas necesidades estratéxicas e implicalos desde o comezo no desenvolvemento do Programa de Deseño para a Innovación 2020, integrado no Plan Galicia Innova 2020.

Patricia Argerey recalcou ante os representantes do tecido produtivo o carácter estratéxico do deseño e anunciou a posta en marcha dunha serie de actuacións de impulso á súa implantación como ferramenta de innovación empresarial. Precisamente, para garantir que estas actuacións responden ás necesidades da empresa, do sector deseño, do ámbito educativo e do eido administrativo estanse a celebrar estas xuntanzas que terán lugar entre o mes de xullo e o de outubro.

Esta iniciativa tamén axudará a construír o Mapa de axentes do deseño empresarial, que será o xermolo da Rede de axentes que Gain busca promover. Finalmente, organizarase unha sesión baseada na dinámica de cocreación baseada na metodoloxía Design Thinking para pór en común as prioridades identificadas e trasladalas ao programa.

Argerey insistiu na importancia da aplicación do deseño á innovación como fórmula de éxito empresarial, xa que achega moitos elementos de valor engadido que contribúen á competitividade e ao crecemento empresarial, especialmente das pemes. E referiuse ás recentes declaracións do comisario europeo de Investigación, Ciencia e Innovación, Carlos Moedas, nas que apuntaba que “a innovación é moito máis que tecnoloxía. Débese innovar no proceso para acadar mellores produtos a través do deseño”. Precisamente Argerey destacou a frase de Moedas na que afirmaba que “se queremos darlle importancia ao deseño hai que variar o punto de mira da innovación e centrar o protagonismo no usuario final”, por coincidir coa estratexia da Xunta que persegue avanzar cara unha innovación centrada nas persoas.

Ademais da identificación da Rede de axentes de deseño empresarial, Argerey anunciou outros obxectivos deste ciclo de conversas dentro do Programa de Deseño para a Innovación 2020: identificar accións conxuntas a impulsar dentro da Rede; accións de formación, difusión e divulgación para fomentar o deseño no ámbito empresarial; valorar as axudas que sería desexable habilitar para reforzar a implantación do deseño na estratexia das pemes galegas; explorar casos de éxito que poidan servir como referencia; e identificar novas entidades para ser incorporadas á Rede de axentes.

As reunións arrancaron onte cunha xuntanza con representantes do sector do deseño: a Asociación Galega de Deseño (DAG), o Colexio Oficial de Arquitectos (COAG), as fundacións Sargadelos e DIDAC, o Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas (DARDO), o Centro Expositivo Sirvent, o Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) e Galicia Maker Faire.

O tecido empresarial estivo hoxe representado polos clústers da Madeira e do Deseño (CMD), as Ciencias da Vida (BIOGA), o granito, a lousa, a automoción (CEAGA), a acuicultura (CETGA), as TIC, o audiovisual (CLAG), o naval (ACLUNAGA), a alimentación (CLUSAGA), o turismo, a comunicación gráfica, o téxtil (COINTEGA) e a saúde. 


- Te recomendamos -