A Consellería de Cultura e Turismo vén de facer pública a resolución da orde de subvencións para estas entidades, que contou cun investimento de 90.000 euros
A Xunta de Galicia vén de facer pública a resolución definitiva da liña de axudas dirixidas a asociacións de amigos do Camiño de Santiago, coas que a Consellería de Cultura e Turismo favorece e impulsa cada ano o seu funcionamento e contribúe a que continúen a realizar accións de difusión da cultura xacobea nos seus territorios.
Tal e como recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia, a Administración autonómica outorgou nesta edición ao redor de vinte axudas en concorrencia competitiva, das máis de trinta que se presentaron. Cun investimento global de 90.000 euros, benefícianse entidades tanto galegas, como do resto de España e internacionais.
As subvencións inclúen o apoio ao traballo levado a cabo no eido da acollida aos peregrinos, que recaeron na Asociación Jacobea de Almería Camino Mozárabe, na Asociación de Amigos Camino de Santiago y de la Santa Cruz, na Asociación Zamorana de los Caminos de Santiago, na Asociación de Amigos del Camino de Santiago de Miranda de Ebro, na Asociata Prietenilor Camino de Santiago e na Federación Española de Asociaciónes de Amigos del Camiño de Santiago.
Esta convocatoria tamén incluía unha liña para impulsar as actividades de difusión da cultura xacobea e protección do trazado e patrimonio das rutas. Neste eido, resultaron beneficiarios a Asociación Amigos del Camino de Santiago de la Comunidad Valenciana, a Asociación Cultural Amigos Camiño Mozárabe-Vía Prata Ourense, a Asociación de Amigos del Camino de Santiago Pulchra Leonina, a Asociación de Amigos del Camino de Santiago en Cádiz, a Asociación de Comunicadores do Camiño de Santiago ou a Asociación Amigos Camino de Santiago y de la Santa Cruz. Tamén recibirán a axuda a Fundación Acogida Cristiana en los Caminos de Santiago, a Asociación Protectora de Animais do Camiño (APACA) e a Asociación Abrindo Camiño de Amigos do Camiño Norte de Santiago.
Constante cooperaciónAmais, a Consellería de Cultura e Turismo tamén facilitará o traballo de catro asociacións para a edición de publicacións, ao abeiro da liña tres desta convocatoria. A Fundación Acogida Cristiana en los Caminos de Santiago, a Fundación Ruta Xacobea Mar de Arousa e Ulla, a Archicofradía Universal do Apóstol Santiago e a Federación Española de Asociaciónes de Amigos del Camiño de Santiago foron as beneficiadas.
Esta liña de axudas dá continuidade a convocatorias de anos anteriores e enmárcase no compromiso da Xunta por apoiar o importante labor que realizan as asociacións de amigos de Camiño de Santiago, que suman xa máis de 300 en todo o mundo. A súa contribución é tida moi en conta no Plan director do Camiño de Santiago, cunha liña dirixida a potenciar a cooperación cos diferentes colectivos.
- Te recomendamos -