Inicio Galicia A Xunta repoboará con 26.000 exemplares de piñeiro preto de 21 hectáreas...

A Xunta repoboará con 26.000 exemplares de piñeiro preto de 21 hectáreas no monte de Trascastro, no municipio do Incio

0

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que a Consellería do Medio Rural investirá 40.800 euros para recuperar a zona, afectada por un lume forestal o pasado ano

A Consellería do Medio Rural vén de contratar un proxecto de reforestación que afectará a 20,82 hectáreas no monte de Trascastro, na parroquia de Santa Eulalia de Trascastro do concello do Incio.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Xunta investirá 40.800 euros na iniciativa, que suporá a plantación de 26.035 exemplares de piñeiro -en concreto, 17.350 unidades de Pinus sylvestris e 8.685 unidades de Pinus pinaster-.

Balseiro explicou que o obxectivo da intervención é recuperar unha área que se viu afectada por un incendio forestal o pasado ano, que causou a destrución en superficie de, polo menos, o 20% do potencial forestal. Cabe lembrar que o monte está incluído en zona de alto risco de incendio forestal segundo a Orde do 18 de abril do 2007, pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal.

Con esta actuación, evítanse episodios de escorrenta e perdas de solo “e retómase o aproveitamento do monte, de forma que volva a ser produtivo e a xerar beneficios económicos, sociais e medioambientais para os veciños e veciñas do entorno”, sinalou o delegado.

Para levar a cabo a repoboación, será preciso primeiro realizar unha roza da vexetación existente, eliminando a matogueira e respectando as especies que polo seu interese ecolóxico teñan que permanecer no monte. Posteriormente prepararase o terreo de xeito mecanizado, e unha vez acondicionado efectuarase a plantación de xeito manual; a distancia da plantación ao borde das pistas e devasas será de 5 metros.


- Te recomendamos -