Inicio Galicia A Xunta renovará os cadros e as liñas eléctricas do IES As...

A Xunta renovará os cadros e as liñas eléctricas do IES As Lagoas

0

A obra custará case 25.000 euros e realizarase durante as vacacións de verán ao abeiro do plan anual de obras de rehabilitación, ampliación e mellora (RAM)


A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a desenvolver obras de mellora no IES As Lagoas de Ourense, cun investimento de preto de 25.000 euros centradas na renovación dos cadros e das liñas eléctricas das súas instalacións. Con tal motivo a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada do alcalde da cidade, Jesús Vázquez, e da xefa territorial deste departamento autonómico, Luz Fernández Quintas, desprazouse hoxe ata o centro educativo para supervisar os traballos.

A representante do Goberno galego indicou que esta obra se executará ao abeiro do plan anual de obras de rehabilitación, ampliación e mellora (RAM). Díaz Mouteira, considera que este tipo de actuacións son unha “mostra clara” da aposta que está a facer a Xunta pola educación pública “porque investir en equipamento é tamén investir en calidade”. Así, subliñou o traballo da Administración autonómica para seguir avanzando na adecuación das instalacións co fin de continuar a mellorar as condicións de traballo e estudo de docentes e alumnos.

As obras no IES estanse a levar a cabo durante as vacacións de verán co fin de non interferir na actividade académica e para que poidan estar rematadas de cara ao inicio do novo curso escolar.

A actuación consiste na renovación dos cadros e das liñas eléctricos que eran aínda as orixinais e contaban con máis de 40 anos e que non se substituíron ata agora malia as ampliacións e reformas realizadas no centro, polo que resultaban insuficientes para as novas necesidades de consumo eléctrico do centro, provocando continuos cortes de electricidade. Díaz Mouteira salientou o esforzo inversor da Administración autonómica en acondicionamentos e melloras dos centros escolares da provincia, co obxectivo de dar resposta ás súas necesidades. Concretamente, dende o 2009, o departamento autonómico dirixido por Román Rodríguez investiu case 180.000 euros no IES As Lagoas de Ourense.  


- Te recomendamos -