O prazo está aberto ata o vindeiro 16 de xullo e enmárcanse no obxectivo do Plan director do Camiño de Santiago por impulsar a colaboración con estas entidades
A Xunta de Galicia vén de renovar o seu compromiso coas asociacións de amigos do Camiño de Santiago cunha nova convocatoria de axudas dirixidas a estas entidades para impulsar o seu funcionamento, así como para contribuír ás accións de difusión da cultura xacobea que realicen nos seus territorios.
Deste xeito, consígnase unha cantidade total de 90.000 euros para impulsar proxectos relacionados coa acollida dos peregrinos así como para apoiar o desenvolvemento de actividades encamiñadas á difusión da cultura xacobea e tamén para as publicacións que afonden neste mesmo obxectivo.
Estas axudas, para as que o prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 16 de xullo, articúlanse a través dunha convocatoria en concorrencia competitiva e poderán solicitalas as asociacións de amigos do Camiño de Santiago e outras entidades que teñan como finalidade a promoción da ruta xacobea e a súa peregrinación, legalmente constituídas, e que teñan como obxecto principal o desenvolvemento de accións relacionadas co Camiño de Santiago e a peregrinación xacobea.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde se poden consultar as bases completas, tamén dispoñibles na web www.caminodesantiago.gal.
Máis de 300 en todo o mundoA liña de axudas enmárcase no compromiso de Turismo de Galicia por apoiar o importante labor que realizan as asociacións de amigos de Camiño de Santiago e que suman xa máis de 300 en todo o mundo. A súa contribución é tida moi en conta no Plan director do Camiño de Santiago, cunha liña dirixida a potenciar a cooperación cos diferentes colectivos.
Como froito deste apoio, a Comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, e o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, recibiron esta fin de semana en Galicia aos membros da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Burdeos, a Association Bordeaux Compostella, tras realizar unha peregrinación marítima para conmemorar os 20 anos da inscrición dos Camiños de Santiago como Patrimonio Mundial. Ambos agradecéronlles o seu labor para impulsar os valores da peregrinación e por traballar pola súa preservación.
- Te recomendamos -