Tres das catro concesionarias afectadas polo servizo de transporte urbana presentan alegacións, Compañía de Tranvías da Coruña, Arriva Galicia e Autos Cal Pita
A Xunta vén de remitirlle hoxe aos concello de Oleiros e A Coruña as alegacións presentadas ao borrador do convenio, para materializar a chegada dos autobuses urbanos da Coruña ata a glorieta de Santa Cristina.
Finalizado o trámite de audiencia e recibidas as alegacións de tres, das catro concesionarias afectadas polo servizo, a Xunta procedeu hoxe mesmo a remitirlles os concellos implicados copia das consideracións presentadas polas concesionarias do transporte urbano, Compañía de Tranvías da Coruña SA, Arriva Galicia SLU e Autos Cal Pita SA.
Deste xeito, rematado o proceso marcado pola Lei de racionalización do sector público autonómico, que establece o sometemento á consideración das empresas de transporte afectadas do convenio, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda mantén o cumprimento do seu compromiso de impulsar e axilizar a aprobación do convenio de ampliación do servizo de transporte urbano da Coruña con penetración no termo municipal de Oleiros (Santa Cristina) para a época de verán.
Os concello de Oleiros e A Coruña dispoñen agora do prazo de quince días hábiles, contados dende o seguinte día ao da recepción das alegacións, para responder ás consideración presentadas, e poder así avanzar na ampliación do servizo de autobuses urbanos da Liña 1-A, ata Santa Cristina.
Lembrar que a posta en servizo desta modificación da liña de transporte urbano da Coruña debe realizarse cumprimentando todos os trámites previstos na lexislación, pois o contrario pode derivar nunha suspensión cautelar do servizo, por orde xudicial.
Unha vez consensuado o convenio por todas as partes implicadas e tras a súa aprobación en sesión plenaria polos concellos de Oleiros e A Coruña, se asinará o convenio e xa se poderá materializar o servizo co que os autobuses urbanos da Coruña cheguen ata Santa Cristina.
- Te recomendamos -