O delegado territorial, José Manuel Balseiro, supervisou os últimos traballos executados e explicou que o orzamento destinado a este proceso supera os 580.000 euros financiados integramente pola Consellería do Medio Rural
A Consellería do Medio Rural rematou as obras da rede principal de camiños da área de reestruturación parcelaria de Santo Estevo de Pol e neste momento está a tramitar o proxecto da rede secundaria.
Así o explicou esta mañá o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen supervisou os últimos traballos executados na zona, onde na actualidade estanse a colocar os marcos dos novos predios resultantes da reorganización do terreo.
O investimento neste proceso de reorganización territorial, financiado integramente pola Consellería do Medio Rural, é de 523.500 euros, aos que hai que engadir o orzamento estimado do proxecto de camiños secundarios, que ascende a 60.000 euros. A maior parte dos fondos -uns 437.000 euros- destináronse á creación e mellora de 9,2 quilómetros de camiños que conforman a rede principal, que dan servizo ás fincas reparceladas e serven tamén para vertebrar o territorio, conectando co resto de vías municipais.
A Consellería traballa coa previsión de que proximamente sexa aprobado o acordo de reestruturación, no que se determinarán os predios de reemprazo xunto cos seus novos titulares. Segundo apuntou Balseiro, “o proceso está avanzando a bo ritmo e dende a Xunta estase a facer un importante esforzo para axilizar tanto a execución das obras complementarias -como os accesos a fincas- como os trámites administrativos conducentes á entrega dos títulos de propiedade, os dous últimos trámites pendentes”.
A reestruturación de Santo Estevo de Pol involucra a 88 propietarios e abarca 341 hectáreas de terreo, permitindo que 511 parcelas se vexan reducidas a 145 fincas, isto é nun 70%. Neste mesmo concello tiveron lugar anos atrás outros procesos de concentración, nas parroquias de Caraño, San Andrés de Ferreiros, San Martiño de Ferreiros, Santa María de Valonga, Silva – Eirón e Torneiros.
Balseiro puxo de relevo o esforzo inversor da Consellería de Medio Rural para impulsar este proxecto, que supón “unha reforma integral da parroquia”. Por ese motivo, engadiu, “agardamos que o Concello de Pol faga o propio, e arranxe algúns camiños de titularidade municipal próximos que están en condicións pésimas, incluída unha ponte moi estreita que conviría que fose ampliada”.
O delegado territorial salientou que a reordenación do terreo “favorece que as explotacións gandeiras da zona consigan a base territorial que precisan para desenvolver a súa actividade, o que lles permite reducir custos de produción, mellorar a súa rendibilidade e ser máis competitivas”.“A posibilidade de superar a situación de minifundio e dispoñer de parcelas máis grandes e dimensionadas facilita tamén o emprego de maquinaria para o mellor desenvolvemento das actividades produtivas propias das granxas”, concluíu Balseiro.
- Te recomendamos -