Inicio Galicia A Xunta remata as obras da senda peonil de Brión entre Monte...

A Xunta remata as obras da senda peonil de Brión entre Monte Devesa e Aldea Buio cun investimento de 253.000 euros

0

O delegado territorial, Ovidio Rodeiro, destacou que este tipo de obras apostan pola seguridade e dan a posibilidade de optar por unha mobilidade máis saudable


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou, está mañá, a senda peonil e ciclista na marxe dereita da estrada AC-543 de 710 metros e cun ancho de 3,15 metros que comunica a urbanización Monte Devesa con Aldea Buio en Brión.

O proxecto, cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80%, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, consistiu nunha senda peonil na estrada AC-543, no tramo entre a urbanización Monte Devesa e a aldea Buio, que contou cun investimento de 253.000 euros.

As entradas e accesos a propiedades privadas executáronse, con carácter xeral, en formigón en masa reforzado con mallazo e coloreado igual ao itinerario peonil. Realizáronse bloques de granito, no p.q. 10+540 e 10+825.

Mantivéronse os canos existentes, ampliándoos ou repoñéndoos cando foi necesario e instaláronse colectores de pvc baixo o itinerario peonil co fin de recoller as augas que proveñen da calzada, coas correspondentes arquetas e sumidoiros.

Para o delegado territorial “este tipo de actuacións inciden directamente na calidade de vida dos veciños porque apostan pola seguridade e pola integración na paisaxe dos itinerarios peonís e ciclistas e dan a posibilidade de optar por unha mobilidade máis saudable”.

Esforzo en InfraestruturasO itinerario peonil de Brión está incluído no Plan de Sendas de Galicia, que prevé a construción dunha rede de sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe. Na comarca de Santiago prevé, nunha primeira fase, máis de 15 quilómetros de sendas e un investimento de case 3,7 millóns de euros. “A Xunta xa está a transformar en feitos este Plan, porque todas as sendas están en distintas fases da tramitación”, indicou o delegado.

Rematada xa a senda entre Vidán e Laraño, termo municipal de Santiago, o Goberno galego está a desenvolver outros treitos na estrada AC-543 para completar o itinerario para peóns e ciclistas entre Compostela e Brión. Así, desenvólvense sendas desde Laraño ata Aldea Nova: Barcia-Roxos e Roxos-Aldea Nova.


- Te recomendamos -