A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou o CIM da localidade, que xa está acreditado e que comezará a funcionar en xaneiro
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe o valor dos Centros de Información á Muller (CIM) na loita contra a violencia de xénero. Fíxoo durante unha visita ao CIM de Barbadás (Ourense), xunto á delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira.
O CIM de Barbadás xa ten a acreditación da Xunta, imprescindible para comezar a funcionar, e iniciará a súa actividade no mes de xaneiro. Con el xa serán 82 os que funcionen en toda Galicia. A importancia dos CIM radica no seu papel como porta de entrada e apoio ás mulleres en situación de vulnerabilidade.
Os CIM realizan un importante labor en atención especializada e asesoramento xurídico e psicolóxico en casos de violencia de xénero (denuncias, ordes de protección, ordes de afastamento…), xestión de aloxamento alternativo, tramitación de teléfono móbil de teleasistencia para as vítimas, xestión dos recursos necesarios nestes casos, apoio psicolóxico e colaboración con outros servizos de intervención en casos de violencia de xénero, como a Garda Civil, casas de acollida, servizos públicos sanitarios ou xurídicos.
- Te recomendamos -