O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou que, ademais, a Xefatura Territorial de Industria enviou unha carta neste senso ao Goberno local
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, reiterou esta mañá que a retirada do transformador do CEIP de Barcelos é unha competencia exclusiva de Fenosa (compañía titular do mesmo) e do Concello de Pontevedra, polo que dende a administración autonómica ínstase a ambas partes a que procedan ao seu traslado coa máxima celeridade posible.
Cores Tourís recordou que dende a dirección e do Consello Escolar do centro levan solicitando de forma reiterada desde hai décadas a retirada dese transformador, sen obter resposta positiva por parte dos responsables. “A Xefatura Territorial de Educación en Pontevedra xa solicitou tamén a Fenosa e ao Concello a súa colaboración para que o traslado do transformador se execute canto antes”, engadiu o responsable da Delegación Territorial, insistindo no feito de que debe ser o concello “quen poña a disposición de Fenosa os terreos para executar dito traslado, porque esa infraestrutura non só dá servizo ao colexio de Barcelos, senón a un gran número de veciños e negocios dese entorno”.
Por outra banda, o delegado territorial tamén fixo fincapé no feito de que hai dous días, a Xefatura Territorial de Economía, Emprego e Industria, remitiu unha carta ao Concello de Pontevedra para recordarlle que esta Consellería é a competente para a autorización das instalacións eléctricas sempre que se atopen todas as licenzas e permisos en regra, sen que sexa a súa competencia analizar o axeitado ou non do seu emprazamento. “Polo tanto, a Xefatura Territorial non pode ordenar o traslado dunha instalación autorizada, que conta cun acordo co propietario da parcela para dito emprazamento e coa correspondente licencia municipal do Concello de Pontevedra”, insistiu Cores Tourís, que matizou que de atoparse un lugar máis axeitado para o seu traslado, “a Xefatura Territorial prestará a súa plena colaboración e a máxima axilidade na tramitación administrativa do expediente de traslado”.
Finalmente, na misiva enviada pola Xefatura Territorial de Industria ao Concello de Pontevedra tamén se insistía no feito de que nada máis ter lugar os feitos do pasado 11 de decembro, púxose en marcha unha inspección urxente da instalación, e iniciouse unha investigación do acontecido.
- Te recomendamos -