A conselleira lamenta a imposibilidade de executar o proxecto de máis de 700.000 euros acordado entre a Xunta e o Concello ante a forte oposición veciñal e pese aos reiterados intentos de diálogo
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, trasladoulle hoxe á alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, que a Xunta de Galicia mantén o seu compromiso de actuar para mellorar a seguridade viaria na parroquia do Val, para o que cómpre que o Concello redacte un novo proxecto de consenso cos veciños.
A conselleira lembrou que o Goberno galego incluíu no Plan de sendas de Galicia para a comarca de Ferrol o proxecto de execución dun itinerario peonil seguro e sostible de máis de 2 quilómetros na estrada AC-116, entre o Polígono do Río do Pozo e o cruce coa estrada AC-114, que dá acceso ao convento de Baltar.
Ese proxecto foi coordinado co Concello e sometido a información pública, incorporándose ao mesmo as achegas municipais, entre elas, a extensión da lonxitude da senda prevista e a incorporación dun ramal ata o dito convento, elevándose o Orzamento ata máis de 725.000 euros.
De acordo co pactado cos representantes municipais, a Xunta licitou e adxudicou as obras, pero unha forte oposición veciñal impediu o seu inicio a pesar dos reiterados intentos de diálogo por parte da Administración autonómica, que garantiu que se adaptaría o proxecto en todo o posible ás súas demandas.
Ante esta situación, e a pesar de consideralo un investimento positivo para mellorar a seguridade viaria no entorno do Val, a Consellería de Infraestruturas viuse obrigada a desistir da execución do proxecto aprobado, tal e como lle trasladou hoxe Ethel Vázquez á alcaldesa de Narón.
A conselleira de Infraestruturas convidou ao Concello a traballar polo consenso cos veciños e a deseñar un novo proxecto que cumpra os requisitos de mellora da seguridade viaria que conte coa súa aceptación e que poida ser executado pola Xunta de Galicia.
Así mesmo, Ethel Vázquez informoulle á alcaldesa de Narón que a Consellería de Infraestruturas analizará a execución da senda de acceso ao convento de Baltar de acordo co proxecto completo, incluíndo os servizos, que se comprometeu a presentar o Concello.
- Te recomendamos -