Inicio Galicia A Xunta reitera o seu compromiso coa promoción e dinamización turística da...

A Xunta reitera o seu compromiso coa promoción e dinamización turística da Ribeira Sacra, á que destinou máis de medio millón de euros nos últimos anos

0

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, participou hoxe na xuntanza do consello reitor do Consorcio de Turismo e salientou a aposta por impulsar “un dos destinos con máis potencial da comunidade”


O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, reafirmou hoxe o compromiso da Administración autonómica co impulso da actividade turística na Ribeira Sacra, “un dos destinos con máis potencial da comunidade”, salientou, “e un lugar cada cada vez máis visitado, máis atractivo e mellor preparado para recibir aos visitantes”.

Balseiro asistiu á xuntanza que mantivo hoxe o consello reitor do Consorcio e destacou que o Goberno galego, a través de Turismo de Galicia, renova periodicamente a súa colaboración con esta entidade para levar a cabo accións encamiñadas a consolidar o sector. Esta cooperación artéllase a través de convenios que se renovan periodicamente e que dende o ano 2015 supuxeron unha achega global da Xunta que superou o medio millón de euros.

O convenio aprobado este ano permitirá mobilizar 250.000 euros, dos que a Administración autonómica achega 200.000 (100.000 no 2018 e a mesma cantidade no 2019).

As actuacións contempladas neste acordo van dirixidas a incrementar a proxección turística da zona. Así, inclúese a edición de material informativo impreso e en soporte audiovisual para redes sociais ou para facer promoción en feiras de turismo activo e deportivo; o deseño de rutas como a do Románico da Ribeira Sacra, o Viñobús turístico ou diversas estadías temáticas; así como o deseño de catálogos de novos produtos vinculados aos recursos propios da zona.

Este apoio supón a continuidade da colaboración desenvolvida a través de convenios anteriores, que entre 2015 e 2017 permitiron mobilizar 381.000 euros, dos que a Xunta achegou 306.000.

Dentro doutras liñas de cooperación, a Xunta aprobou axudas para o Consorcio por preto de 64.000 euros dirixidas a financiar diversos proxectos. Entre eles figura a adecuación de totems dixitais para albergar a plataforma web e audioguías da Ribeira Sacra ; a contratación de persoal para as oficinas de turismo , así como a colaboración cun proxecto de recuperación e revalorización dos esgrafiados. 


- Te recomendamos -