O Ministerio para a Transición Ecolóxica trasladou onte que a proposta do Concello de Compostela de ampliar a actual depuradora da Silvouta carece aínda dos avais técnicos necesarios
A Xunta reitera a necesidade urxente de definir un proxecto viable que permita renovar o sistema de saneamento de Santiago de Compostela e mellorar así a calidade das augas do río Sar.
Así o trasladou o Goberno galego na xuntanza que onte mantivo no Ministerio para a Transición Ecolóxica.
No encontro, o Ministerio informou de que a proposta do Concello de Santiago de ampliar a actual depuradora da Silvouta carece aínda dos avais técnicos necesarios e, polo tanto, non está confirmada a súa viabilidade.
Ante esta situación, e tendo en conta a preocupación do Goberno galego pola falta de avances na necesaria mellora deste sistema de saneamento, a Xunta e o Ministerio coincidiron na necesidade de celebrar o antes posible un encontro a tres bandas co goberno municipal de Santiago coa fin de clarificar e desbloquear a situación.
A de ampliación da depuradora da Silvouta está pois, rodeada de incerteza, o que contrasta coa opción de construción dunha nova instalación no Souto, sinalada como idónea no estudo de alternativas, co trámite ambiental superado e cun anteproxecto que permitiría licitar xa as obras.
O Ministerio para a Transición Ecolóxica confirmou que a decisión municipal de desbotar o proxecto previsto e avanzado para a construción dunha nova estación depuradora no Souto leva aparellado un importante retraso na mellora do saneamento. A necesidade de definir un novo proxecto, en consecuencia, pon en risco a execución nos prazos establecidos dos fondos europeos consignados a esta actuación, complicando así o seu financiamento.
A Xunta de Galicia reitera o seu compromiso de cofinanciamento das obras de mellora do sistema de saneamento de Santiago de Compostela dentro do actual prazo de fondos europeos e urxe a que se peche unha alternativa que constitúa un proxecto tecnicamente viable.
- Te recomendamos -