A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou na inauguración das VIII Xornadas de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero, xunto á concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e a directora do CIM de Ames
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella indicou hoxe a importancia da prevención e da sensibilización en todos os eidos para acadar a total erradicación de Violencia de Xénero. Susana López Abella participou na inauguración das VIII Xornadas de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero, xunto á concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luisa Feijóo; e a directora do CIM de Ames, Teresa Arufe.
A titular de Igualdade indicou que ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, o Goberno galego porá en marcha 14 novas medidas centradas na atención ás vítimas, na concienciación e na ampliación do coñecemento sobre as formas e incidencias desta lacra.
Ademais, tal e como indicou López Abella, no referente á prevención e sensibilización ten especial relevancia todo o que se refire ao eido educativo, polo que o Goberno galego impulsará na totalidade de centros educativos programas de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero. As universidades contarán cunha orde axudas e subvencións para financiar proxectos de investigación con perspectiva de xénero e sobre violencia de xénero. Promoverase a implantación dun Master interuniversitario en violencia de xénero así como novas liñas de colaboración coas Oficinas de Igualdade das 3 universidades galegas.
Seguindo a liña de apoio aos concellos como administración máis próxima á cidadanía, a convocatoria de axudas destinadas a entidades locais de Galicia será incrementada en 800.000 euros, coa premisa de que os concellos leven a cabo actuacións de sensibilización dirixidas principalmente á poboación infantil e xuvenil, ás mulleres máis vulnerables e ás mulleres vítimas de trata.
No mesmo eido da violencia sexual, o Goberno galego incrementará as accións formativas e de sensibilización á mocidade, ampliando a presenza de puntos informativos nos grandes festivais e eventos reforzando a presenza deses puntos nas festas de interese turístico de Galicia.
- Te recomendamos -