A escola de Cedeira pasará de 58 a 78 prazas e a de Arzúa de 41 a 76, mellorando así as posibilidades de conciliación das familias que residen nestas localidades
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinou na mañá de hoxe no seu despacho de San Caetano dous convenios de colaboración cos alcaldes de Arzúa e de Cedeira, José Luis García López e Pablo Diego Moreda Gil, respectivamente, para a ampliación das escolas infantís de titularidade e xestión autonómica que están en funcionamento nestes dous municipios coruñeses. O obxectivo é aumentar a oferta de prazas destes dous centros de atención a nenos e nenas de 0 a 3 anos pertencente á rede Galiña Azul da Xunta de Galicia, mellorando así as posibilidades de conciliación das familias que residen nestas localidades.
No caso da escola infantil de Cedeira, o conselleiro explicou que se incrementará a oferta da mesma en 20 prazas pasando das 58 que ten actualmente distribuídas en 4 unidades a 78 prazas en 5 unidades. Deste xeito, auméntase a taxa pública de cobertura para nenos e nenas de 0 a 3 anos neste municipio do Ortegal, ao tempo que se reduce a lista de agarda para acceder a este recurso público. A actuación que se materializará a través do acordo asinado esta mañá ten a súa orixe na colaboración iniciada entre a Consellería de Política Social e o Concello de Cedeira durante o anterior mandato municipal.
Ademais, a ampliación deste centro virá acompañada dunha importante reforma de mellora das instalacións. Segundo explicaba o propio Rey Varela “xunto coa ampliación nunha nova unidade a capacidade desta infraestrutura, aumentaremos o espazo das aulas, realizaremos unha completa reforma da cociña e se instalará un sistema de ventilación natural na área de descanso para nenos de 0 a 1 anos, así como elementos de protección no desnivel interior que existe entre plantas”. “O obxectivo – engadía– é mellorar as prestacións desta escola que forma parte da Rede Galega de Escolas Infantís A Galiña Azul ao tempo que facilitamos a conciliación laboral e familiar das familias deste concello e da súa zona de influencia ao mellorar a oferta de prazas existente”.
En canto ao custo das actuacións, Rey Varela explicaba que ascenderán a 141.337,70 euros, dos que o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar desembolsará 100.000 -cunha achega do 80% dos Fondos Feder e, o montante restante, corresponderalle ao Concello, de acordo co modelo de co-financiamento establecido no Acordo Marco aprobado pola Consellería de Política Social e pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para este tipo de centros dependentes do Consorcio.
Mellor servizo en ArzúaNo que atinxe á intervención prevista na escola infantil de Arzúa, esta permitirá aumentar a oferta do centro en 35 prazas, ao pasar de 41 prazas repartidas en 3 unidades a 76 en 5 unidades, elevando a taxa pública de cobertura para nenos de 0 a 3 anos e paliando a lista de agarda que soportou este recurso nos últimos cursos.
As obras suporán un investimento total de 150.186,46 euros, dos que o Consorcio desembolsará 100.000 -cunha achega do 80% dos Fondos Feder- e, o montante restante, 50.186,46 euros, corresponderalle ao Concello. Así mesmo, aproveitarase para realizar algunhas actuacións de reforma na escola, que “se traducirán nunha mellora importante na prestación do servizo, sempre co obxectivo de facilitar a conciliación laboral e familiar dos veciños do concello e da zona”, manifestou o titular de Política SocialPor último, o conselleiro quixo agradecer a colaboración e boa disposición amosada por todos os membros que integran as corporacións municipais de Cedeira e Arzúa ao apoiar estas actuacións que redundarán na mellora dos servizos sociais que se prestan ás veciñanzas destas localidades.
- Te recomendamos -