O obxectivo do Goberno galego é reducir ao máximo os tempos de resposta na resolución das solicitudes, simplificando os trámites e alixeirando a burocracia
A Xunta vén de reforzar con catro novos equipos o servizo de valoración da discapacidade na cidade de Vigo co obxectivo de reducir ao máximo os tempos de resposta na resolución das solicitudes, simplificando os trámites e alixeirando a burocracia.
En total, incorporáronse quince persoas para traballar nos EVOs existentes na demarcación de Vigo, cun área de poboación asignada de 570.713 persoas. Estes catro equipos súmanse aos tres que ata o de agora asumían estas funcións na rúa Torrecedeira e aos outros 10 que se puxeron en funcionamento no resto da Comunidade galega.
Un reforzo de persoal que, segundo afirmou o delegado territorial, Ignacio López-Chaves, permitirá citar unha media aproximada de 45 expedientes médicos, mixtos ou psíquicos diarios, fronte aos 27 médicos e mixtos e 5 psíquicos que se despachaban ata o de agora.
Así, os tres equipos previos compostos por 11 profesionais refórzanse coa contratación doutros 15. E para dotar a estes equipos dun entorno axeitado para o desenvolvemento do seu labor adecuouse un espazo no antigo ambulatorio da Doblada (rúa Faisán, 12) de 550 metros cadrados no que se investiron 19.000 euros, tal e como sinalou o representante autonómico nunha visita realizada hoxe ás novas dependencias á que acudiu acompañado pola xefa territorial da Conselleria de Política Social, Marta Iglesias.
Neste senso, López-Chaves puxo en valor o compromiso da Administración autonómica nesta materia, como proba o feito de que, por quinto ano consecutivo, se incrementase o presuposto destinado á discapacidade, que en 2018 chega aos 102,8 millóns de euros, un 8,7% máis que en 2017.
Segundo dixo, a creación destes novos equipos enmarcase dentro dun programa máis ambicioso de medidas que o Goberno galego está a impulsar para simplificar os trámites e mellorar os tempos de resposta, entre as que destacou Historia Social Única Electrónica de tal xeito que o persoal dos equipos de valoración e orientación teñan acceso ao historial clínico dos solicitantes. Deste xeito, simplifícase o procedemento, evitando que os galegos e galegas teñan que achegar documentación á que se pode acceder de xeito dixital (sempre e cando o solicitante o autorice). Tamén se reduciu o cuestionario de catro páxinas a unha de xeito que resulte máis doado e rápido cubrilo.
Outra das medidas incorporadas é o servizo de confirmación e recordatorio de citas a través de SMS para evitar a non asistencia ás citas de valoración programadas e que estará operativo nos vindeiros días. Así mesmo, xa se está a levar a cabo a consideración de facto de persoas con discapacidade igual ou superior ao 33% aquelas ás que a Seguridade Social teña recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou gran invalidez, e aos pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente.
En definitiva, son todas accións destinadas a acelerar ao máximo os tempos de resposta e simplificar os trámites como vía para mellorar a calidade de vida dos galegos e galegas que presentan algún tipo de discapacidade.
- Te recomendamos -