Inicio Galicia A Xunta reforza as accións do Plan de seguridade viaria 2016- 2020...

A Xunta reforza as accións do Plan de seguridade viaria 2016- 2020 co fin de reducir a sinistralidade en Galicia

0

Francisco Menéndez subliña que o Goberno galego continúa o desenvolvemento da eliminación dos tramos de concentración de accidentes nas vías autonómicas


O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, interveu hoxe na conferencia internacional ‘Da visión cero ao obxectivo cero. Liderado global na mellora da seguridade viaria’, organizada pola Fundación MAPFRE.

O obxectivo da conferencia é dar a coñecer as mellores prácticas, tanto de España como doutros países europeos, de Estados Unidos e de Latinoamérica, en relación á prevención e redución dos accidentes de tráfico.

Menéndez expuxo as medidas que a Xunta está a executar a través do Plan de seguridade 2016-2020, que se reforzou co fin de reducir a sinistralidade na comunidade.

Puxo en valor o esforzo do Goberno galego nos últimos anos para coordinar todas as políticas en materia de seguridade viaria co obxectivo de acadar en 2020 unha redución do 50 % das vítimas mortais nas estradas con respecto ás rexistradas en 2011.

A seguridade viaria é unha materia prioritaria para a Xunta, tal como amosan as súas contas de 2019, que recollen partidas destinadas a este fin e á conservación de estradas que suman un global de 75 millóns de euros.

No que se refire á mellora e á conservación da rede viaria, Francisco Menéndez subliñou que a Xunta continúa co desenvolvemento da eliminación dos tramos de concentración de accidentes nas estradas autonómicasSalientou unha iniciativa novidosa que está a impulsar o Goberno galego, as “estradas que perdoan”, concedendo segundas oportunidades ao condutor que se equivoca a través da eliminación de obstáculos cos que poida loitar ou avisando mediante o uso de resaltos en marcas viarias de que se está abandonando a traxectoria correcta.

A estas accións, cómpre engadir o Plan de reforzos de firme, co que xa se actuou en 190 vías; ou o Plan de Sendas, con máis de 100 km executados ou en execución.

O Executivo autonómico tamén vén apostando pola formación, concienciación e educación, fundamental ao considerar que as distraccións se converteron na primeira causa en accidentes de tráfico con vítimas en Galicia. Así, a Xunta impulsa campañas nos medios de comunicación para concienciar aos cidadáns da importancia de evitar este tipo de condutas.

Ademais, segue a distribución de elementos reflectantes entre peóns e ciclistas, con folletos explicativos lembrando as normas básicas de circulación. A Xunta repartirá 33.000 pezas en total, 30.000 chalecos e 3.000 cortaventos.  


- Te recomendamos -