Inicio Galicia A Xunta reforza a seguridade do edificio xudicial de Carballo con novas...

A Xunta reforza a seguridade do edificio xudicial de Carballo con novas cámaras e sistemas de gravación

0

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, visitou hoxe os xulgados para coñecer de primeira man os traballos realizados

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, visitou hoxe os xulgados de Carballo para coñecer de primeira man as melloras levadas a cabo en materia de seguridade, coa instalación de novas cámaras e sistemas de gravación. En concreto, os traballos consistiron na instalación de 12 cámaras (5 delas no exterior), dous monitores, e os sistemas de gravación correspondentes.

Esta mellora inscríbese nun Plan de reforzo e mellora da seguridade dos edificios xudiciais de Galicia, e que está agora mesmo na súa primeira fase. Neste período inicial, instalaranse novas cámaras de vixilancia nos edificios das cidades, e naqueles partidos xudiciais que conta cun número maior de órganos xudiciais.

A partir do ano que vén, abordaranse novos investimentos nos edificios restantes e iniciarse, de modo escalonado, a instalación de escáners e arcos detectores nos edificios que carecen deles.

A Xunta está a realizar un esforzo moi importante para mellorar os recursos que están a disposición da Administración de Xustiza en Galicia. Así, en 2010 aprobou un ambicioso Plan de infraestruturas xudiciais, que supuxo o investimento de preto de 100 millóns de euros para acometer tanto grandes proxectos como outras obras, de menor magnitude, pero moi relevantes de cara a mellora das instalacións.

Agora, o Goberno galego está a completar este Plan cun proxecto de renovación do mobiliario, que ten previsto un investimento duns 5 millóns de euros entre 2019 e 2021; e co proxecto de mellora da seguridade nos edificios xudiciais, que inclúe actuacións como a visitada hoxe en Carballo.


- Te recomendamos -