A conselleira do Medio Rural reuniuse hoxe en Madrid co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse este mediodía en Madrid co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), Luis Planas. Na axenda do encontro figuraba en primeiro lugar a loita contra os incendios forestais. Así, a reunión serviu para reforzar a colaboración e coordinación entre ambas administracións nesta materia, especialmente durante a tempada de alto risco de lumes que coincide co verán, en cuestións clave como son a prevención e a extinción.
A conselleira pediu tamén ao ministro a máxima cooperación na realización de actuacións conxuntas para a recuperación dos solos tras os lumes, unha tarefa na que Galicia vén traballando coa máxima intensidade nos últimos anos e na que se converteu nunha verdadeira referencia tanto a nivel nacional como internacional.
Postura na futura PACPor outra banda, Ángeles Vázquez explicou ao ministro a postura de Galicia respecto da futura PAC, unha posición consensuada coas organizacións profesionais agrarias e que se orienta cara o mantemento da actual dotación orzamentaria para estas políticas, rexeitando calquera posibilidade de renacionalización.
A conselleira lembroulle ademais que a nosa comunidade é líder nacional no sector lácteo e que defendemos uns niveis de renda dignos para os nosos agricultores e gandeiros, así como o fomento da remuda xeracional no agro. O obxectivo, dixo, é “que non se perda ningún fondo, a prol da estabilidade de futuro no noso sector agrogandeiro”.
Noutra orde de cousas, Ángeles Vázquez propuxo ao representante do Goberno Central diferentes melloras na tributación dentro do medio rural, co fin de que os mozos teñan máis facilidades para se incorporaren á actividade agraria, rebaixar os impostos na cesión de dereitos de pago básico da PAC ou mellorar a fiscalidade forestal, para fomentar a agrupación de propietarios de montes e optimizar así a xestión dos seus terreos. Lembrou, neste sentido, que a Xunta impulsa a iniciativa de “impostos cero” no rural e demandou que o Goberno Central se sume tamén a este tipo de incentivos fiscais, en beneficio dun sector clave da nosa economía.
A conselleira demandou ademais ao ministro o seu compromiso de apoiar a modernización de regadíos na Limia. Advertiu que é un proxecto importante, que suporá poñer en valor unhas 3.000 hectáreas de cultivo e para o que Xunta pon enriba da mesa, só este ano, un total de 2,7 millóns de euros. O obxectivo final é chegar aos 18 millóns de euros en varios anos, contabilizando as achegas de todas as administracións implicadas.
Por último, a titular de Medio Rural e o do MAPA falaron tamén do fomento das reestruturacións parcelarias ou da axilización de diferentes normativas de interese para agricultores e gandeiros, como son os proxectos de reais decretos sobre a identificación da orixe do leite ou o que regulará a figura dos primeiros compradores.
- Te recomendamos -