Inicio Galicia A Xunta reforza a campaña de prevención do acoso sexual e da...

A Xunta reforza a campaña de prevención do acoso sexual e da violencia de xénero nas comunidades veciñais

0

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asinou un novo convenio co Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia e coa Asociación Galega de Profesionais da Auditoría Sociolaboral de Xénero e da prevención do acoso e da violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asinou esta maña o convenio de prevención da violencia de xénero e o acoso sexual no entorno veciñal co presidente do Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia (COAFGA), Martín Bermúdez de la Puente e coa representante da Asociación Galega de Profesionais da Auditoría Sociolaboral de Xénero e da prevención do acoso e da violencia de xénero nas organizacións (AGAXEN), María Ángeles García Pérez.

Segundo lembrou López Abella, en febreiro do pasado ano o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda asinaba un convenio de colaboración con estas mesma entidades para a prevención da violencia de xénero no entorno veciñal, sendo pioneiros a nivel nacional en levar a cabo esta campaña. A raíz dese convenio, foron distribuídos 85.000 trípticos e 20.000 carteis para a prevención e detección de situacións de violencia de xénero nas comunidades de propietarios e propietarias nas que están presentes os administradores e administradoras de fincas.

Hoxe, coa sinatura deste convenio, Galicia da un paso adiante, incluíndo o acoso sexual no entorno veciñal, sendo outra vez pioneira a nivel nacional. A prevención do acoso sexual atópase entre as medidas que se inclúen no Pacto de contra a Violencia de Xénero.

O obxecto deste convenio é o apoio na prevención e detección de situacións de violencia de xénero entre as comunidades de propietarios e propietarias nas que estean presentes os administradores e administradoras de fincas, así como na distribución e difusión do material informativo e de sensibilización a prol da eliminación da violencia contra as mulleres.

O goberno galego continúa impulsando a colaboración e coordinación entre as asociacións, administracións e entidades con competencia no ámbito da violencia de xénero, que sirvan de canle de actuación e colaboración para conseguir, entre outros, no ámbito social, unha atención integral e coordinada ás mulleres que sofren violencia de xénero.  


- Te recomendamos -