Esta análise levouse a cabo o sábado a través dun voo con dous drons sobre a área para recoller datos que definen o comportamento do tráfico nos días de maior afluencia por mor das visitas aos areais
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), vén de realizar a recollida de datos para analizar o tráfico na contorna do areal da Lanzada co fin de implantar melloras na fluidez da circulación nas xornadas de praia.
Esta análise levouse a cabo o sábado a través dun voo con dous drons sobre esta área pontevedresa para recoller datos sobre o funcionamento do tráfico en días nos que a contorna rexistra unha elevada afluencia por mor das visitas aos areais, como efectivamente sucedeu ese día.
O mecanismo empregado permite a obtención de imaxes precisas nos puntos establecidos co obxectivo de, posteriormente, procesalos, e acadar parámetros que definen o comportamento do tráfico estudado tanto nos momentos de afluencia á zona de praias como na saída das mesmas.
O Goberno galego, unha vez obtida e avaliada a información recollida, determinará as medidas a acometer para minimizar os atascos que se producen nestas xornadas nas que se incrementa o tráfico nas estradas da zona.
Este traballo é paralelo ao estudo de alternativas para o desdobramento da vía de alta capacidade ata O Grove, de xeito compatible coa preservación dos importantes valores naturais da zona.
A Xunta segue a traballar no obxectivo prioritario de proporcionar aos usuarios unhas vías seguras e cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.
- Te recomendamos -