Destínanse 106 millóns de euros á atención das persoas con discapacidade nos orzamentos de 2019, un 63% máis que hai nove anos
Pontevedra, 15 de decembro de 2018.- O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou hoxe na segunda edición da Xornada de Diversidade Sensorial Xuntos avanzamos, organizada pola Organización de Discapacidade Sensorial de Galicia (Xoga) en conmemoración do Día Internacional da Discapacidade, que se celebrou o pasado 3 de decembro.
A iniciativa, que tivo lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra, abordou a realidade das persoas con diversidade sensorial desde un enfoque positivo. Diferentes profesionais deste eido puxeron enriba da mesa cuestións que atinxen aos distintos ámbitos da vida destas persoas, coa mirada posta na construción dunha sociedade máis inclusiva, con independencia das capacidades de cada un.
Na súa intervención, Arturo Parrado reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia coas persoas con diversidade funcional. Destacou o traballo do Goberno galego e os avances nesta materia e subliñou que o próximo ano o orzamento destinado á atención a persoas con distintas capacidades será de 106 millóns de euros, un 63% máis que hai nove. Un investimento que propicia, entre outras medidas, a consolidación da rede de prazas de atención que supera as 5400, un millar máis que as existentes no 2009.
O director xeral de Inclusión Social agradeceu a Xoga a organización por segundo ano destas xornadas, ademais de salientar o seu labor diario a favor das persoas con diversidade funcional. Un esforzo que comparte co Goberno galego para que ter diferentes capacidades, non signifique ter menos oportunidades.
- Te recomendamos -