Inicio Galicia A Xunta reafirma o seu compromiso coa investigación universitaria cunha inxección de...

A Xunta reafirma o seu compromiso coa investigación universitaria cunha inxección de 3,3 millóns de euros ás agrupacións estratéxicas

0

A conselleira de Educación reuniuse cos representantes das sete agrupacións estratéxicas do SUG, catro delas de nova creación este ano


A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, reuniuse esta mañá cos líderes das sete Agrupacións Estratéxicas de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG), nas que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de inxectar preto de 3,3 millóns de euros para avanzar no proceso de integración científica que teñen en marcha.

A responsable de Educación do Goberno galego mantivo un encontro de traballo cos equipos destas estruturas supragrupais, aos que lles transmitiu o compromiso da Consellería co obxectivo de afianzar un sistema de investigación de excelencia consolidado a longo prazo.

Na xuntanza participaron os representantes das sete agrupacións estratéxicas operativas no ámbito universitario galego, a razón de tres da Universidade de Santiago de Compostela (USC), dúas da Universidade de Vigo (UVigo) e outras dúas da Universidade da Coruña (UdC). Isto é, Juan Lema Rodicio, coordinador da Cross-Research in Environmental Techonologies (CRETUS); Jaime Rodríguez González, do Centro de Investigación Científica Avanzada+ Instituto de Investigación Biomédica (CICA INIBIC); Carlos Hervés, da Economics and Business Administration for Society (ECOBAS); José Rivas Rey, da Agrupación Estratéxica en Materiais (AEMAT); Ana María Torrado Agrasar, do Cluster de Investigación e Transferencia Alimentario de Galicia (CITACA); Paulino Martínez Portela, da Agrupación Estratéxica en Xestión e Produción sostible de Biorrecursos (BioReDeS); e Jerónimo Puertas Agudo, da Agrupación Estratéxica de Enxeñería Civil e Edificación (A-CITEEC).

Das sete, tres revalidan a axuda, as tres entidades creadas ao abeiro da convocatoria de 2015 (CRETUS, CICA-INIBIC e ECOBAS). Por outra banda, as catro restantes (AEMAT, CITACA, BioReDeS e A-CITEEC) reciben a axuda para a súa creación, polo que a conselleira tamén aproveitou para darlles á benvida ao sistema de investigación excelente de Galicia.

Cómpre lembrar que Galicia é a única Comunidade Autónoma do Estado que conta cunha liña de financiamento estable a grupos de investigación co obxectivo de despuntar en ámbitos de referencia investigadora. Para iso é fundamental construír unha estrutura de investigación forte mediante o aproveitamento de sinerxías que impulsen o potencial científico e tecnolóxico.

Xerme da investigación máis excelenteAs agrupacións estratéxicas son estruturas organizativas de investigación cun nivel de agregación superior ao grupo de investigación que teñen por obxecto desenvolver unha actividade de investigación colaborativa estable e planificada con obxectivos propios, máis aló do ámbito local e a satisfacción das demandas do ámbito produtivo.

A Xunta de Galicia realizou xa catro convocatorias dirixidas á creación destas agrupacións (2008, 2009, 2012 e 2015), de xeito que se constituíron un total de 12 agrupacións ao abeiro das mesmas. O traballo de excelencia que desenvolven derivou en que sete delas acadasen a condición de Centro Singular de Investigación de Galicia (CIQUS e CIMUS en USC; CITIC en UDC e CINBIO e CIM en UVIGO) ou ben de Agrupación Estratéxica Consolidada (CITIUS na USC e ATLANTTIC na UVIGO.

Por tanto, as agrupacións estratéxicas soen ser o xerme de futuros Centros Singulares ou Agrupacións Consolidadas como é o caso dos que están actualmente en activo, que representan a investigación máis excelente do sistema universitario galego.

Campo de investigación de cada agrupaciónCRETUS (USC), que acadou unha axuda de 600.000 euros, centra a súa actividade investigadora na concepción, desenvolvemento e avaliación de tecnoloxías ambientais sostibles, que minimicen impactos e riscos ambientais e que permitan recuperar recursos en procesos que sexan económica, social e ambientalmente sostibles. Neste momento está constituída por 8 grupos e aglutina a 157 investigadores que traballan nas áreas de xestión do ciclo da auga, ordenación e recuperación de solos, xestión e valorización de residuos e control da contaminación atmosférica.

CICA INIBIC (UDC), que dispón dunha axuda de 545.516 euros, xurdiu para formalizar unha relación profesional entre os grupos das áreas de Química e Bioloxía da UDC e do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC). Búscase así desenvolver unha axenda científica común centrada en resolver retos sociais no ámbito da Bioloxía, a Química e as Ciencias da Saúde. Na actualidade está composta por 24 grupos, que teñen como áreas de investigación a prevención de enfermidades mediante a mellora da alimentación, o estudo de factores ambientais e contaminantes que inciden na saúde, a análise de novos axentes para diagnose e terapia, a aplicación de ferramentas TIC e biotecnolóxicas e o desenvolvemento de técnicas, nanomateriais e biomoléculas con aplicación na medicina.

ECOBAS (UVigo), cuxa axuda ascende a 400.000 euros, trátase dunha agrupación centrada en consolidar a colaboración entre os grupos de investigación de referencia no ámbito da Economía da Empresa dentro do SUG, para maximizar o impacto académico, económico e social das súas actividades de I+D. Composta por 11 grupos, as súas areas de investigación son a economía dos recursos naturais, a ambiental e enerxética, a innovación, e o emprendemento, entre outras.

AEMAT (USC) contará cunha axuda de 500.000 euros para coordinar, fomentar e contribuír a consolidar unha unidade de referencia en investigación en materiais avanzados e nanociencia. O seu obxectivo é establecer un liderado autonómico que sirva de estímulo e apoio á contorna tecnolóxica sobre os principios da excelencia científica, da política de talento, da xestión eficiente, da transferencia de coñecementos e da investigación e innovación responsables. Estará conformada por 12 grupos de investigación que traballarán no eido dos nanomateriais funcionais e outros materiais (cerámicas, magnéticos, plasmónicos, poliméricos e superconductores), dispositivos ópticos ou biomateriais.

BioReDes (Campus Terra Lugo-USC) dispón dunha axuda que ascende a 405.759 euros e contribuirá a que os 16 grupos que a compoñen desenvolvan o seu obxectivo de abordar, desde unha perspectiva sistémica e adaptada ás particularidades da contorna galega, os problemas e retos asociados á produción e xestión dos biorrecursos. Para iso afondarán en áreas como a produción e saúde animal sostible, a produción vexetal e a agricultura, a alimentación segura, a xestión forestal, o cambio climático, a biodiversidade e as infraestruturas verdes, entre outras.

A-CITEEC (UDC) acadou unha axuda de 400.000 euros coa que traballarán para mellorar e intensificar a investigación e transferencia de coñecemento nos eidos da edificación e da enxeñaría civil desde un punto de vista sostible. Estará composta por 8 grupos, que abordarán as áreas de preservación e mellora do medio ambiente, adaptación ao cambio climático e global, xestión sostible de recursos hídricos e enerxéticos, mobilidade sostible ou deseño, desenvolvemento e monitorización de materiais, procesos e construcións que resulten seguras, duradeiras e sostibles; entre outras.

CITACA (Campus Auga-Ourense,UVigo), cunha axuda de 424.084 euros, ten como misión crear unha rede multidisciplinar e integrada de unidades de investigación, docencia e transferencia de tecnoloxía e coñecemento para contribuír á sustentabilidade ambiental e á competitividade do sector agroalimentario. Os 9 grupos que participarán nel afondarán, para iso, nas áreas de investigación de protección dos recursos hídricos, auga e solo, produción primaria sostible e seguridade e calidade alimentaria.


- Te recomendamos -