O Goberno galego é actualmente o titular de máis do 50% dos terreos deste ámbito
A Xunta de Galicia adquirirá solo para a ampliación da urbanización de San Paio de Navia, en Vigo, a través da permuta do mesmo por edificabilidade, tal como recolle a resolución do Instituto Galego da Vivenda e Solo que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia.
Os propietarios de solo interesados en permutar os seus terreos por edificabilidade disporán dun prazo de dous meses para presentar as súas ofertas. Máis información aquí.
A superficie mínima das propostas deberá alcanzar os 250 metros cadrados, pero existe a posibilidade de agrupar varias parcelas, aínda que sexan de diferentes propietarios, nunha mesma proposta.
En contrapartida polos terreos, os permutantes recibirán os dereitos de edificabilidade que lles correspondan. Cada metro cadrado de terreo aportado permutarase por 0,6 metros de edificabilidade nas parcelas destinadas a vivendas unifamiliares, 0,23 ou 0,25 metros de edificabilidade nas parcelas de uso terciario e 0,57 metros cadrados de edificabilidade no resto dos casos. Nas ofertas deberase facer constar as mazás ou parcelas de resultado nas que se pretende materializar a edificabilidade.
Con esta oferta de permuta a Xunta avanza no proceso de adquisición de solo, despois da oferta pública de adquisición realizada en 2016. Actualmente a Xunta de Galicia é propietaria de 136.246 metros cadrados, que supoñen máis da metade dos 265.036 metros cadrados do ámbito da ampliación do solo residencial de San Paio de Navia.
Unha vez remate a fase de permuta, a solo restante adquirirase por expropiación despois da aprobación definitiva da modificación do plan parcial, que se atopa en tramitación.
Ao mesmo tempo, no segundo semestre de 2018 redactarase o proxecto de urbanización, co obxectivo de iniciar as obras en 2019. A ampliación de San Paio de Navia permitirá a construción de preto de 1.600 vivendas protexidas.
- Te recomendamos -