Incrementarase a velocidade de conexión a internet de 277 centros de servizos públicos no prazo máximo dun ano
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de prorrogar o contrato dos servizos de telecomunicacións ata febreiro de 2021, un ano máis da data na que remata o actual. Os operadores adxudicatarios investirán máis de 4 millóns de euros en diferentes melloras nos servizos de internet, telefonía fixa e móbil de centros públicos dependentes da Administración autonómica.
Entre as melloras comprometidas, R, operador adxudicatario dos servizos de telefonía fixa e de internet, incrementará a velocidade de conexión a internet en 277 centros de servizos públicos, que abranguen xulgados, lonxas, albergues, oficinas de emprego, concellos e aulas CeMIT, entre outras. Estas melloras comezarán de xeito inmediato e o operador prevé que estean rematadas en xullo do ano que vén.
En canto á telefonía móbil, entre os compromisos do operador Vodafone, adxudicatario do servizo, comprométese a manter as liñas de datos 4G con alta velocidade de 240 sedes de diferentes servizos públicos.
Outra das melloras previstas é que a Administración autonómica disporá dun bono de 5.000.000 de sms masivos gratuítos unha vez consumidos os 420.000 sms do contrato actual. As mensaxes masivas están vinculadas á servizos da Administración dixital que se están a incrementar de xeito progresivo como as notificacións electrónicas a cidadáns e empresas.
Máis servizos, menos custe e máis investimentoO actual contrato de telecomunicacións da Xunta, entrou en vigor en 2015, conseguindo un aforro de 12 millóns de euros respecto do contrato anterior e un investimento adicional por parte dos operadores de 12 millóns de euros para acadar importantes melloras e reforzar a rede corporativa, que proporciona servizo de internet, telefonía fixa e móbil a 3.000 centros da Administración autonómica.
Entre as melloras contempladas está o incremento en máis dun tripe de media o ancho de banda de máis de 2.300 centros de servizos públicos e a ampliación a 10 Gigas da capacidade do acceso a internet da rede corporativa. Tamén se están a integrar na rede corporativa os servizos de telefonía de preto de 1.400 centros públicos, o que mellorará a xestión das telecomunicacións e do servizo co que contan.
- Te recomendamos -