A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro participará mañá na presentación da publicación Sentir o Mar, achegándonos ao mar con sentidos, un libro que amosa diversas formas de gozar do mar para persoas invidentes
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, participará mañá na presentación da publicación Sentir o Mar, achegándonos ao mar con sentidos, que será no Club Náutico de Aguete, en Marín. O libro recolle o traballo realizado por un equipo de profesionais do ámbito educativo e social e demostra distintas formas de vivir o mar para as persoas con discapacidade visual.
Así, o obxectivo deste evento é trasladar á sociedade que as persoas con discapacidade visual poden gozar do mar dunha maneira completa. Despois de presentar oficialmente a publicación ás 12:00 horas, un grupo de integrantes da ONCE embarcarán ás 13:00 horas en 15 embarcacións tradicionais previamente formadas na adaptación para estas persoas e realizarán un percorrido por mar.
Co obxectivo de achegar o mar ás persoas con discapacidade visual, entregaráselle unha maqueta a escala da embarcación na que se navega para que as persoas recoñezan as partes do barco dunha forma doada. Ademais, daránselle unhas “láminas fuser” –planos impresos nun papel especial que despois de pasar por un forno de calor se converte nun relevo- que permiten completar a descrición do barco cos nomes de cada parte en braille e finalmente realizarase un percorrido guiado pola embarcación.
A publicación pretende ser unha guía de apoio a navegantes, formadores e familias que desexen probar formatos novos de inclusión social das persoas invidentes para acadar unha mellor comprensión e adaptación destas persoas ao mar con total accesibilidade a través da navegación tradicional.
O libro naceu promovido pola Consellería do Mar coa colaboración da Fundación ONCE e o Concello de Marín e está financiado polo programa europeo EcoDestin da Asociación Galega de Actividades Náuticas e a Axencia Global de Acreditación Náutica (AGAN+), que ten como obxectivos fundamentais dinamizar a náutica galega e converter a Galicia nun destino náutico por excelencia, aproveitando a súa riqueza natural e patrimonial.
- Te recomendamos -