A directora xeral de Comercio e Consumo visitou hoxe a segunda parte do curso “Do padrón a un branco”, que se imparte ata o sábado no Centro de Desenvolvemento Local
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou esta tarde en Gondomar o curso de especialización para artesáns “Perfeccionamento do padrón a un branco segundo a visión do deseñador Shingo Sato”, que rematará o sábado 6 de outubro. Esta actividade de formación é a continuación do curso de iniciación que o prestixioso deseñador xaponés impartiu o ano pasado dentro da oferta formativa impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Os quince profesionais da artesanía que participaron no 2017 teñen estes días a oportunidade de perfeccionar a destreza na creación de pezas de moda aplicando a técnica “Reconstrución Transformacional” deste modisto, que substitúe as pinzas e as liñas de costura por cortes asimétricos, xeométricos e circulares, creando un novo manexo de volumes.
A través da Fundación Artesanía de Galicia, a Xunta ofrece un programa de formación especializada para o sector artesán galego no que se están a tratar, neste ano 2018, oficios como a palla trenzada, o manipulado de papel, a sombreirería ou a xoiería, así como o uso das redes sociais e de internet, que se desenvolve nas catro provincias galegas.
Esta mesma semana, comeza en Santiago de Compostela o curso de “Redes sociais e comunicación en internet”, do 5 ao 31 de outubro, que entre novembro e decembro se celebrará tamén en Pontevedra. Esta actividade, enfocada a proporcionarlle aos obradoiros as ferramentas necesarias para optimizar os seus recursos de comunicación e mellorar a súa promoción e a súa comercialización en internet, está impartido pola empresa Abertal Networks.
- Te recomendamos -