O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, sinala en Lugo, na clausura do Máster de Enxeñaría da Madeira Estrutural, que potenciar o emprego deste material permite facer máis rendibles as plantacións forestais
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, salientou hoxe en Lugo, na clausura do Máster de Enxeñaría da Madeira Estrutural, que a utilización da madeira na construción é unha das accións que se están a desenvolver dentro da estratexia da Xunta para xerar valor na cadea forestal.
Na súa intervención, Lema explicou que a industria forestal ten un importante impacto no desenvolvemento do rural, pola súa localización e pola xeración de beneficios económicos aos propietarios dos montes, e ao mesmo tempo é estratéxica no desenvolvemento da bioeconomía. Así, lembrou a aposta da Administración autonómica pola madeira como produto natural, reciclable e de xestión sostible baseada na certificación forestal.
O director de Xera sinalou que a construción é un nicho de mercado no que se está a incrementar de forma case exponencial o uso da madeira como elemento estrutural. Tal e como apuntou Ignacio Lema, o máster que hoxe se clausura dá a coñecer as características e posibilidades da madeira neste ámbito.
Así mesmo, lembrou a colaboración da Xunta, a través do CIS Madeira con Pemade (a Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural da Universidade de Santiago de Compostela), impulsora desta titulación, no estudo da utilización de madeiras locais como madeira construtiva. Isto permitirá, segundo sinalou o director de Xera, xerar valor na cadea monte industria e incrementar o valor das plantacións forestais, co impacto social que isto supón en Galicia.
- Te recomendamos -