Inicio Galicia A Xunta promove a figura do dereito colaborativo nas empresas para previr...

A Xunta promove a figura do dereito colaborativo nas empresas para previr conflitos e mellorar a calidade no traballo

0

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Vigo na xornada empresarial Nova cultura da empresa na prevención e xestión do conflito: acordos sostibles, organizada por Agadeco en colaboración coa Xunta

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, destacou hoxe en Vigo a importancia de impulsar entre o tecido empresarial a figura do dereito colaborativo co obxectivo de previr os conflitos laborais e mellorar, polo tanto, a calidade no traballo. Toca participou na xornada empresarial Nova cultura da empresa na prevención e xestión do conflito: acordos sostibles, que, en colaboración coa Xunta, organizou Agadeco, unha asociación sen ánimo de lucro que se creou para difundir e fomentar o dereito colaborativo e co obxectivo de crear unha rede de expertos galegos.

Toca destacou a importancia das relacións laborais para continuar impulsando o crecemento da economía. Neste contexto, puxo en valor o traballo de mediación do Consello Galego de Relacións Laborais para abrir espazos de diálogo e afondar no crecemento e na calidade do mercado laboral galego, ao tempo que insistiu na necesidade de que a creación de emprego estea destinada á mellora da calidade de vida dos galegos e galegas.

Este órgano, o Consello Galego de Relacións Laborais, é, en palabras de Toca, un dos principais garantes da negociación colectiva e o diálogo social. A secretaria xeral de Emprego, así mesmo, avogou por un marco laboral baseado na calidade e estabilidade laboral, no emprego inclusivo e en igualdade e na conciliación.

Para rematar, a secretaria xeral de Emprego salientou tamén o traballo de Agadeco que vén de integrarse na Asociación de Dereito Colaborativo de Massachusetts (IACP), que é a institución que aglutina a profesionais e organizacións de todos os continentes que practican o dereito colaborativo. En España pertencen a este colectivo, ademais de Galicia, Euskadi e Cataluña. Segundo Toca, o dereito colaborativo chega moito máis da mera xestión do conflito puntual, xa que facilita o traballo participativo dos integrantes da empresa que se senten valorados e recoñecidos.  


- Te recomendamos -