Inicio Galicia A Xunta promove a conservación e posta en valor dos oficios tradicionais...

A Xunta promove a conservación e posta en valor dos oficios tradicionais no V Encontro de Cacharreiros en Niñodaguia

0

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, inaugurou hoxe na localidade ourensá de Xunqueira de Espadanedo o evento que organiza a Consellería de Economía, Emprego e Industria coa colaboración do Concello

Xunqueira de Espadanedo (Ourense), 10 de agosto de 2018.- A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, participou hoxe na inauguración do V Encontro de Cacharreiros en Niñodaguia, na localidade ourensá de Xunqueira de Espadanedo. Trátase dun evento que organiza a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración co Concello, co obxectivo de achegar á sociedade e poñer en valor o oficio da olería tradicional galega.

O encontro, que se celebra ata o domingo 12 no Museo-Obradoiro de Olería, realízase por quinto ano consecutivo como impulso a un dos oficios artesanais que forma parte do patrimonio cultural galego.

O evento, que se desenvolverá en horario de 11.00 horas a 21.00 horas, acolle demostracións e venda de pezas de tres artesáns representantes do oficio da olería en Galicia; dous oleiros de Tondela (Portugal); demostracións de tres ceramistas galegos; a demostración do oficio da tellería, practicamente extinguido; e representantes doutros oficios como a cestería e a tornería de madeira.

Os participantes, en concreto, son Agustín Vázquez e Enrique Cabana representando ao centro oleiro de Niñodaguia en Xunqueira de Espadanedo (Ourense); Cerámica Castrexa de Castrolandín en Cuntis (Pontevedra); Xana Monteiro e Carlos Lima como representantes da olería portuguesa de Tondela (Portugal); os ceramistas Antón Román de Gondomar (Pontevedra), Susana González (A Coruña) e Roberto Piñeiro de Vigo; o telleiro Jóse Álvarez O Buraco do Rosal (Pontevedra); o cesteiro Rubén Berto de Vigo; e o torneiro Adrián Pena de Vigo.

A posta en marcha desta iniciativa forma parte da Estratexia integral de impulso ao sector artesanal que desenvolve a Consellería de Economía, Emprego e Industria co obxectivo de conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega. A planificación inclúe iniciativas en diferentes ámbitos para a posta en valor do sector e dos diferentes oficios artesanais de Galicia. 


- Te recomendamos -