Inicio Galicia A Xunta promociona en Chile a calidade e a diversidade dos produtos...

A Xunta promociona en Chile a calidade e a diversidade dos produtos artesáns galegos

0

A Fundación Artesanía de Galicia foi convidada a participar no Festival Internacional de Economía e Deseño Social Colaborafest, que remata hoxe na localidade de Concepción


A Xunta está a presentar estes días en Chile a calidade e a diversidade dos produtos artesáns galegos, avalados pola marca Artesanía de Galicia, e o traballo que se realiza desde a Consellería de Economía, Emprego e Industria para impulsar o desenvolvemento do sector.

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, foi convidada a participar na terceira edición do Festival Internacional de Economía e Deseño Social Colaborafest, que se celebra desde o mércores ata hoxe na localidade de Concepción.

Así, na primeira xornada a xerente participou nunha mesa de debate sobre o diálogo entre artesanía e deseño, así coma nun dos talleres de vinculación e sectores produtivos no que falou sobre o proxecto Artesanía no Prato, que pon en relación o traballo dos artesáns con cociñeiros galegos, e centrouse no proxecto de boas prácticas do obradoiro Rir&Co Diseño textil (Allariz), que ten deseñado e tecido á man mandís e outras pezas téxtiles en exclusiva para os restaurantes Casa Solla, Culler de Pau ou A Tafona.

No segundo día do encontro, Elena Fabeiro realizou a presentación xeral sobre a marca Artesanía de Galicia e a política en materia de artesanía impulsada desde o goberno galego. A xerente falou da situación do sector artesán en Galicia, das liñas de axuda económica á comercialización ou á modernización do sector, así coma do impulso do relevo xeracional a través do programa para realizar acordos con aprendices nos obradoiros.

Ademais de Artesanía no Prato, presentou os proxectos nos que se está a traballar desde a Consellería en relación ao impulso da comercialización do sector artesán galego a través de iniciativas como a asistencia a feiras internacionais baixo a marca Artesanía de Galicia ou a organización de eventos como o Pop Up Galicia. Saberes e Sabores, que se realizou en Madrid. O Corazón da Artesanía. Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebra anualmente nos Pendellos de Agolada, foi o exemplo que empregou para amosar a aposta da Xunta pola visibilización dos oficios artesáns, especialmente dos máis tradicionais, e da súa posta en relación con outras disciplinas como a moda, a arquitectura, a decoración de interiores ou a gastronomía.

Por último, a xerente falou do proxecto Enredadas, un proxecto conxunto da Consellería de Economía, Emprego e Industria e da Consellería do Mar para poñer en valor o traballo das redeiras artesás e do seu oficio, apoiando a diversificación da súa actividade profesional. A Fundación Artesanía de Galicia resultou galardoa nos Premios Nacionais de Artesanía 2016, na categoría Promociona para Entidades Públicas, por este proxecto.  


- Te recomendamos -