Inicio Galicia A Xunta presenta o obradoiro Hostalaría Río Pequeno no que se formarán...

A Xunta presenta o obradoiro Hostalaría Río Pequeno no que se formarán 20 desempregados de Soutomaior e Pazos de Borbén

0

O delegado territorial, Ignacio López-Chaves, anima aos futuros alumnos a “aproveitar ao máximo a oportunidade que se lles brinda e formarse para acceder a un traballo”


O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, presentou hoxe o obradoiro Hostalería Río Pequeno, posto en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e compartido polos concellos de Soutomaior e Pazos de Borbén, no se que se formarán nos vindeiros nove meses 20 desempregados.

O representante autonómico, quen estivo acompañado polos alcaldes de Soutomaior, Agustín Reguera, e de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias, puxo en valor o ambicioso obxectivo da carteira autonómica cunha nova programación de obradoiros que busca impulsar a empregabilidade de 2.000 persoas en Galicia, incrementando nun 25% os fondos destinados a este programa. Tamén acudiu ao acto o xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial.

Após valorar os 135 millóns de euros que o Goberno galego inviste este ano en medidas centradas na orientación e na cualificación para favorecer o acceso dos galegos e galegas ao mercado laboral, con cursos que se adapten aos novos perfís profesionais e ás demandas e necesidades reais do tecido empresarial, López-Chaves animou aos futuros alumnos destes talleres a “aproveitar ao máximo a oportunidade que se lles brinda e formarse para acceder a un posto de traballo”.

Concretamente, respecto ao obradoiro que se desenvolverá a partir de mediados de outubro na localidade pontevedresa de Soutomaior, o representante autonómico destacou o alto índice de empregabilidade da anterior convocatoria. Foi de practicamente o cen por cen, segundo apuntou o alcalde Agustín Reguera, quen insistiu en que na convocatoria 2018-2019 repiten as especialidades de cociña e restauración.

Nesta liña, o delegado da Xunta apuntou aos máis de 2 millóns de euros que a Consellería de Economía Emprego e Industria destina a este programa na área territorial de Vigo, en colaboración cos concellos de Vigo, Gondomar, Baiona, Nigrán, Redondela, Mos, Soutomaior, Pazos de Borbén, Cangas e Moaña, co obxectivo de aumentar as oportunidades laborais de 140 desempregados. En total poranse en marcha 7 obradoiros duais a través dos que os beneficiarios contarán cun período de formación de nove meses e un contrato laboral posterior de alomenos outros 3 meses.

A maiores dos sete obradoiros xerais, aprobáronse outros 6 específicos (Vigo con dous, Moaña, Mos, Redondela e O Porriño) para menores de 30 anos. O número de alumnos é de 16 en todos os casos e a duración da formación e emprego de 6 meses. A Xunta destina a estes obradoiros máis dun millón de euros.

Novidades dos obradoiros duaisAta o de agora, os obradoiros de emprego ofrecían ás persoas sen traballo cualificación e un contrato de aprendizaxe durante 9 meses. Agora, ademais, a Xunta apoiará a contratación, como mínimo de 3 meses e a xornada completa, nunha empresa, onde os alumnos e alumnas do obradoiro poderán realizar as súas prácticas. A actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria combina, polo tanto, a formación co desenvolvemento dun traballo efectivo, xa que as persoas beneficiarias disporán dun contrato de traballo e percibirán un salario durante a súa participación nesta actividade.

Outra das novidades desta convocatoria de axudas é que puideron concorrer ás mesmas non só os concellos (entre os que se deu prioridade aos Concellos Emprendedores como Redondela e Mos no caso da área de Vigo), asociacións de entidades locais e mancomunidades, senón tamén entidades sen ánimo de lucro do sector forestal constituídas e rexistradas como asociacións. Así mesmo, a través da participación neste programa, os alumnos e alumnas seguirán recibindo, ao remate da formación, un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. 


- Te recomendamos -