Desde este venres e ata o 3 de xuño celébrase a segunda edición do “Pop Up Galicia. Saberes e Sabores”, no que as pezas artesás compartirán espazo con produtos gastronómicos de calidade, talleres de oficios e showcookings
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Fundación Artesanía de Galicia, e en colaboración con Galicia Calidade, organiza unha nova edición do “Pop Up Galicia. Saberes e Sabores” no Palacio de Santa Bárbara (rúa Hortaleza, 87) de Madrid, desde este venres 25 de maio e ata o 3 de xuño.
No evento presentarase unha selección de pezas de máis de 50 profesionais da artesanía galega, así coma unha representación de produtos gastronómicos gourmet. Ademais, haberá degustacións, catas, presentacións de produtos, talleres de oficios artesáns abertos para familias e showcookings con recoñecidos cociñeiros galegos. O evento completarase coa Terraza Galicia, que contará cun menú de especialidades galegas. Serán dez días para sentir a artesanía, a gastronomía e a esencia de Galicia en Madrid.
Un total de 12 empresas artesás galegas trasladaranse a Madrid para presentar e vender in situ as súas pezas. Trátase do obradoiro de tornería Atalanta Madera (A Estrada); o ferreiro Celso Núñez (A Fonsagrada); a cesteira Idoia Cuesta (Outeiro de Rei); o obradoiro de complementos en corda de algodón Degerónimo (Santiago de Compostela); os artesáns especializados no traballo da madeira Lorenzo Design (Santiago de Compostela); o obradoiro de pintura sobre seda de María Feijóo (Santiago de Compostela); a colareira Montse Betanzos (O Grove); a xoiaría de Noroeste Obradoiro (Santiago de Compostela), a cerámica de Ojea Studio (Vigo), a xoieira Pilar Rodal (Vigo); o obradoiro de coiro de Santiago Besteiro Design (Monterroso) e a cerámica de Ana Tenorio, do obradoiro Witchneeds (Vigo).
No programa de actividades está previsto realizar demostracións de oficios artesáns e talleres de artesanía para familias que estarán dedicados ao torneado cerámico, a cargo de Carlos San Claudio (Vigo) e Susana González (A Coruña); ao tecido manual impartido por María José Martínez e José Antonio Carrera (Vigo); á elaboración de redes e nós mariñeiros dirixido pola artesá Rosa Rodríguez (Ponteceso), da Asociación Illa da Estrela de Corme; ao manipulado de papel, impartido polo obradoiro Anaquiños de Papel (A Coruña) e á construción de pandeiretas tradicionais, a cargo do obradoiro Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela).
Os expositores de produtos gastronómicos de calidade son Casa da avoa (Outes), Adegas Castrobrey (Vila de Cruces), Gures (A Coruña), Jamones González (O Corgo), Muuhlloa Cosmética Galega (Monterroso), Serrín Ultramarinos (Madrid), Orballo (Oleiros), Sovoral Apicultura Orgánica (Xunqueira de Ambia), Quesería Daniberto (Vilalba), Panadería Divina (Santiago de Compostela), Vermú Petroni (Padrón), Adegas Celme (Castrelo de Miño), Bodegas Lodeiros (Santiago de Compostela), Cooperativa Productores Campo Capela SCG (A Capela) e Terras da Mariña, S.
Coop.
Galega (Lourenzá).
Os profesionais encargados de ofrecer os showcookings serán os cociñeiros do Grupo Nove Lucía Freitas, do restaurante A Tafona (Santiago de Compostela), Iñaki Bretal, de O Eirado da Leña (Pontevedra), e Juan Crujeiras, do Restaurante Bido (A Coruña), así coma o chef Jorge Gago do Restaurante A Maceta (Santiago de Compostela) que incluirá no seu showcooking unha maridaxe con viños da D.
O. Valdeorras. Os showcookings realizaranse entre o luns 28 e o xoves 31 de maio en horario de 14:00 a 15:30 horas e a asistencia será con invitación.
Galicia Calidade patrocinará os showcookings de Iñaki Bretal o martes 29 e o de Juan Crujeiras, o xoves 31, así como unha cata de viños certificados, que se celebrará o sábado 26 entre as 12:30 e as 13:00, a cargo de Cristina Murga. A quenda de Lucía Freitas será o luns 28 e o domingo 27, de 17:00 a 20:30 horas, dirixirá un taller de elaboración de pans galegos, xunto co panadeiro Eladio Pazos, de Panaderia Divina (Santiago de Compostela). Para participar é preciso inscribirse no correo tallerespopupgalicia@gmail.com e o custo é de 50 euros.
O luns 28 en horario de 16:30 a 18:00 horas terá lugar a cata comentada “Irmáns de leite” protagonizada polos queixos galegos con Denominación de Orige Protexida coma o Queixo Tetilla, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro, que estará aberta ao público ata completar aforo.
O sábado 2 de xuño realizarase a cata de viños D.
O. Valdeorras “Un brinde de sensacións”, entre as 12:30 e as 14:00 horas, a cargo do Consello Regulador D.
O. Valdeorras. A entrada será con invitación.
A Tenda Pop Up Galicia, Saberes e Sabores estará aberta de luns a xoves en horario ininterrompido de 12:30 a 21:30 horas, os venres e sábados de 12:00 a 23:00 horas e os domingos de 12:00 a 21:30 horas. A Terraza Galicia estará aberta todos os días que dure o evento en horario de 12:00 a 23:00 horas.
As confluencias entre a Artesanía de Galicia e a gastronomía galega amosarán no “Pop Up Galicia, Saberes e Sabores” todo o seu potencial, apostando pola cooperación mutua para continuar fortalecendo unha comunicación que propicie a innovación e as colaboracións transversais e que achegue un valor engadido a cada especialidade.
- Te recomendamos -