Inicio Galicia A Xunta premia o CPI Domingo Fontán de Portas e o Centro...

A Xunta premia o CPI Domingo Fontán de Portas e o Centro de Educación Especial de Vilagarcía polos seus proxectos sobre linguaxe publicitaria

0

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, visitou hoxe estes centros galardoados no programa de innovación educativa Galicons-net, co que se promove o consumo responsable


Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2018.- A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, entregou hoxe no Centro Público Integrado Domingo Fontán, de Portas, e no Centro de Educación Especial de Vilagarcía de Arousa, ambos na provincia de Pontevedra, dous dos premios do programa de innovación educativa Galicons-net, co que a Xunta difunde e promove os valores do consumo responsable nos centros educativos galegos.

A través desta iniciativa, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia premia os proxectos en materia de consumo responsable realizados por catro centros educativos de diferentes etapas. Na última edición, o proxecto do alumnado de educación infantil e primaria centrouse na análise da relación entre o consumo e o xénero, mentres que os proxectos dos centros de secundaria, formación profesional de grao medio e superior e educación especial analizan a linguaxe publicitaria.

Na categoría de Educación Secundaria Obrigatoria, o CPI Domingo Fontán, do Concello de Portas, en Pontevedra, centrou o seu proxecto, “Merca cos nosos commercials”, no emprego do inglés como un recurso da linguaxe publicitaria, analizando como a cultura anglosaxona inflúe nos hábitos de consumo dos adolescentes, a través dos termos e expresións en inglés presentes de xeito habitual na música, no cine, nos videoxogos ou incluso nos medios de comunicación e nas redes sociais.

O alumnado dividiu o seu proxecto en catro fases diferentes e así, despois dunha primeira fase inicial de elección da temática, nunha segunda fase buscaron e analizaron a información necesaria (visionado de anuncios; recompilación das marcas máis populares entre os adolescentes; análise de slogans famosos, de logotipos…). Durante a terceira fase idearon e elaboraron o seu propio produto e fixeron unha campaña de marketing, co seu correspondente nome comercial e o seu slogan. Por último, crearon un blog para compartir o seu traballo co resto da comunidade educativa. O obxectivo foi fomentar a reflexión crítica do alumnado a cerca das influencias externas que reciben a través da publicidade e de actuar de modo crítico ante as mensaxes recibidas.

Na categoría D, “Ese anuncio vai por min” é o título do proxecto realizado polos alumnos e alumnas do Centro de Educación Especial de Vilagarcía de Arousa, que crearon a súa propia axencia de publicidade, a “Aula Branca da Publicidade”. Este centro desenvolveu este proxecto en colaboración con outras institucións, como a Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Vilagarcía, na que estiveron expostos os carteis que estes alumnos e alumnas crearon para promocionar as actividades que a EOI ía realizar durante a época do Nadal.

Todas estas actividades complementáronse coa creación dun blog no que se recolle todo o traballo realizado, co obxectivo de formar a aqueles colectivos máis vulnerables, como poden ser as persoas con discapacidade, para que sexan conscientes de como lles afectan a eles as mensaxes publicitarias e de como facer valer os seus dereitos como persoas consumidoras.

Na convocatoria dos premios Galicons-net establécense catro categorías de participación: Categoría A: alumnado de segundo ciclo de educación infantil e de educación primaria; Categoría B: alumando de educación secundaria obrigatoria; Categoría C: alumando de bacharelato, de ciclos formativos de grao medio e de grao superior e formación profesional e de educación de persoas adultas e categoría D: alumnado de educación especial. O mellor proxecto en cada unha das categorías recibe un premio en metálico de 1.500 euros. Ademais, a persoa coordinadora e o profesorado participante nos proxectos premiados recibirán da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria unha certificación de 1º premio de innovación educativa cunha equivalencia de 30 horas de formación do profesorado para o profesorado coordinador e 20 horas para o resto do profesorado participante.

Os centros interesados na nova edición do Programa Galicons-net poden inscribirse a través aplicación do Plan Proxecta ou ben contactando directamente co Instituto Galego do Consumo e da Competencia no correo electrónico igc.escuela@xunta.gal ou no teléfono 881 999 091.


- Te recomendamos -