A Xunta busca con este concurso, no que o centro de Melide gañou na modalidade de actividades cooperativizadas, promover os valores da economía social entre os estudantes Os colexios que reciben este ano o recoñecemento na provincia da Coruña son tamén o o CPI O Cruce, en Cerceda e o CIFP Someso, da Coruña
O colexio IES de Melide, recibiu hoxe o premio do certame Cooperativismo no Ensino co que a Xunta promove entre os estudantes a economía social difundindo os valores e principios cooperativos. A encargada da entrega do diploma que acredita este premio foi a Secretaria Territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Patricia Rodríguez.
O premio conta cunha dotación económica de 2.500 euros destinados á adquisición de material para o centro ou para algunha actividade formativa do alumnado.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de fallar os premios deste concurso do que tamén resultaron galardoados nesta edición 2018 na provincia o CPI O Cruce, en Cerceda e o CIFP Someso.
O concurso está dirixido a promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de Educación Infantil, Primaria, Secundaria obrigatoria, Educación Especial, Formación Profesional e de Ensinanzas de Réxime Especial de Galicia impulsando a realización de actividades de fomento do cooperativismo nestes centros educativos. No desenvolvemento destas actuacións, os alumnos e alumnas potencian e propician os valores e principios que inspiran o cooperativismo.
Outorgouse un premio e un accésit nas seguintes categorías: actividades artísticas como debuxos, pinturas, maquetas, fotografías e/ou vídeos dirixidas ao alumnado de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial; actividades cooperativizadas para os centros de Educación Secundaria Obrigatoria e Educación Especial; e proxectos empresariais para os centros de Formación Profesional e de Ensinanzas de Réxime Especial.
O IES de Melide resultou gañador do premio ao mellor traballo na modalidade de actividades cooperativizadas, dirixida ao alumnado da ESO, co traballo “Asemblea Xeral”.
O traballo consiste na realización dunha montaxe para monicreques e teatro negro da obra de Laura Olmo “Asemblea Xeral” de 1962 baseado na fábula de La Fontaine mediante a organización dun traballo cooperativo, repartindo tarefas e responsabilidades, delegando a toma de decisións e coordinando o traballo de diferentes seccións. A idea fundacional é facer varias funcións deste espectáculo teatral no auditorio da Casa de Cultura Local , convidando a todos os centros de ensino da comarca e tamén ofertándolla ao Concello de Melide para poder incluíla dentro da súa programación cultural.
Xunto coa entrega do premio, o alumnado do centro poderá gozar da obra A Máquina do Tempo, de Teatro Ghazafelhos, na que se amosa que ao longo da historia, os éxitos da humanidade non serían posibles sen o traballo conxunto.
Contía dos premiosComo novidade este ano increméntase as contías dos galardóns. En total estes premios contan cunha dotación económica de 28.000 euros, un 12% máis que na edición anterior.
Os centros premiados nas categorías artísticas e actividades cooperativizadas recibirán 2.500 euros, fronte aos 2.000 euros do pasado ano, que terán que ser destinados á compra de material didáctico, audiovisual, informático ou deportivo, ou á celebración dunha actividade formativa, cultural, deportiva dirixida ao alumnado do centro. A Consellería tamén fallou un accésit por cada categoría dotado con 1.500 euros (o pasado ano era de 1.000 euros), unha cantidade que terá que utilizarse tamén para os fins detallados. Os importes dos distintos premios poden acumularse nos centros que resultaron gañadores con máis dun premio. Ademais, o alumnado dos centros premiados poderá gozar dun espectáculo da Compañía Ghazafellos co que se amenizarán os actos de entrega dos galardóns como hoxe no colexio de Melide.
Na modalidade de proxectos empresariais, a mellor iniciativa recibirá un premio de 4.500 euros, ao igual que na edición anterior, que se repartirá entre o alumnado que elaborou a iniciativa premiada. O accésit nesta categoría é de 2.500 euros e se outorga ao proxecto finalista.
Os Premios á Cooperación entregaranse no Día do Cooperativismo, que se celebra o 7 de xullo, cos que se recoñecen os valores cooperativos; o mellor proxecto cooperativo novo; e a traxectoria cooperativa. Cada unha das categorías será galardoada con 5.000 euros.
- Te recomendamos -