O Instituto Galego do Consumo e da Competencia ofrece información e asesoramento a través das súas oficinas, na páxina web e no teléfono 900 23 11 23
A Xunta pon a disposición dos viaxeiros afectados polas cancelacións de voos no aeroporto vigués de Peinador todos os medios cos que conta a Administración autonómica para que poidan defender os seus dereitos. Así, todos os pasaxeiros poden recibir información e asesoramento nas oficinas do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) nas sete principais cidades galegas, así como no teléfono gratuíto 900 23 11 23. Así mesmo, na web do IGCC (https://consumo.xunta.gal) infórmase sobre diferentes aspectos dos dereitos dos usuarios do transporte aéreo. Os viaxeiros tamén teñen á súa disposición a rede de 138 oficinas de información ao consumidor que hai nos concellos (OMICS) e as asociacións de consumidores e usuarios de Galicia. Desde o organismo dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria recoméndase presentar unha reclamación ante a compañía, que se poderá realizar por correo ordinario ou electrónico; utilizando o formulario de reclamación da empresa ou o que facilita a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA). No caso de non recibir resposta no prazo dun mes ou esta non ser satisfactoria, os afectados poden presentar unha reclamación ante a AESA, que emitirá unha resolución que debe trasladar á compañía para que a cumpra. No caso de non facelo, os viaxeiros poden interpoñer unha reclamación en calquera das oficias do IGCC ou acudir á vía xudicial. O Instituto Galego do Consumo e da Competencia lembra que, segundo recolle o Regulamento europeo (CE) 261/2004, os dereitos dos consumidores no caso dunha cancelación son, ademais do dereito á información sobre a situación e os dereitos que os asisten, o dereito de asistencia, o que inclúe comunicacións, manutención, aloxamento e transporte de ser necesario. Tamén poderán reclamar unha indemnización por danos e prexuízos.
Por outra banda, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda lembra que as actuacións de mellora do sistema antinéboa que está a executar Aena no aeródromo vigués programáronse prevendo a menor afección, polo que é esperable que estea tamén prevista a mellor resposta aos viaxeiros afectados polas cancelacións que se están a producir.
Entendendo que se trata dunha intervención necesaria en aras da mellora da operatividade e seguridade do aeroporto, a Xunta reclama ás compañías e a organización do aeroporto activar de inmediato medidas de resposta que satisfagan aos usuarios afectados polas cancelacións dos voos a consecuencia da desconexión do sistema antinéboa.
- Te recomendamos -